Escoitar

O alcalde convoca un Pleno para solicitar o "regreso definitivo" das Cantigas de Martín Códax a Vigo

Caballero agarda o apoio unánime dos concelleiros a un acordo que insta ao Ministerio de Cultura a iniciar conversas coa propietaria do Pergamiño Vindel, a Morgan Library&Museum de Nova York, para que as Cantigas do século XIII "sexan adquiridas e restituidas á cidade de Vigo". O debate plenario será o mércores ás 12 horas.

luns, 5 mar 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a convocatoria do Pleno extraordinario para o próximo mércores, 7 de marzo, ás 12 horas. Tras recoñecer a "xenerosidade" da propietaria da obra pola cesión, Caballero explicou que hoxe, que se clausura a exposición temporal desta xoia medieval en Vigo, "debemos iniciar, en diálogo amistoso coa Morgan Library, o proceso de recuperación do Pergamiño de Martín Códax".

Así, engadiu o rexedor, o acordo que se debatirá o mércores insta ao Ministerio de Cultura "a que inicie conversacións coa Morgan Library&Museum para recuperar as Cantigas de Martín Códax, recollidas no chamado Pergamiño Vindel, para que sexan adquiridas e restituidas á cidade de Vigo".

O texto tamén require da Xunta de Galicia "que coopere na recuperación dunha peza singular e irrepetible do patrimonio cultural vigués e galego", ao tempo que compromete "toda a colaboración" do propio Concello de Vigo ao Ministerio de Cultura para levar adiante as súas xestións ante a sede cultural estadounidense.

Abel Caballero agarda que a proposta elevada ao Pleno do próximo mércores sexa aprobada pola unanimidade dos concelleiros e concelleiras da Corporación viguesa e, posteriormente, avanzou que solicitará unha reunión co ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo.