Escoitar

O alcalde revisará a vindeira semana o decreto lei de Facenda para reinvestir o superávit dos municipios

Caballero acudirá o vindeiro martes a Madrid para manter unha reunión co secretario de Estado de Facenda na que recibirá o borrador do decreto que permitirá ás Corporacións Locais investir o superávit de 2017. "Recoñezo a celeridade, están respondendo a súa palabra", sinalou o alcalde.

venres, 2 mar 2018
O Ministerio de Facenda púxose en contacto durante as últimas horas co alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios (FEMP), Abel Caballero, para celebrar a vindeira semana en Madrid unha xuntanza na que o secretario de Estado, José Enrique Fernández de Moya, presentará un borrador do novo decreto lei que permitirá ás Corporacións Locais investir o superávit que acadaron no ano 2017.

O rexedor vigués mostrou este venres, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, a súa satisfacción pola rápida resposta recibida desde o Ministerio de Facenda tras a reunión celebrada a semana pasada con Cristóbal Montoro. "Recoñezo a celeridade, moi ben, hai que dicilo. O Goberno de España están respondendo a súa palabra, tivemos unha reunión o martes pasado e ao martes seguinte xa estamos convocados de novo", sinalou Caballero en referencia a promesa do ministro de buscar unha pronta solución.

"O destino dos investimentos serán para educación, cultura, deporte, tratamento de residuos, seguridade e protección civil, fomento do emprego e equipamento para instalacións municipais, polo tanto, unha ampliación importante ao que xa había", explicou o presidente da FEMP respecto ás posibilidades de reinvestir o superávit.

Caballero tamén amosou a súa sorpresa porque o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticase a medida acordada entre a FEMP e o Goberno de España. "Todos os municipios están encantados, incluídos os do PP", sinalou.