Escoitar

O alcalde avanza que Vigo será o primeiro concello de España co orzamento aprobado

Coa previsión dun presuposto "expansivo" que chegará ao máximo de gasto que permite a lei e que se centrará na política social, no emprego e no deporte, Caballero adiantou que nos próximos días quedará aprobado o documento, algo que o fai "feliz porque vexo que a cidade marcha". <br />

luns, 17 out 2016
Segundo informou este luns o rexedor, nos próximos días a Xunta de Goberno Local aprobará o orzamento municipal para o ano 2017 que será "moi expansivo; imos ao tope do que nos permite a lexislación", logo de abordar a cuestión do teito de gasto co Ministro de Facenda nun encontro mantido hai uns días en Madrid.

Así, o alcalde apuntou que o presuposto do Concello para o vindeiro ano estará "bastante por enriba" do correspondente ao ano en curso, situando a Vigo como a "cidade de España cun presuposto máis expansivo respecto ao ano pasado", cunha partida "moi importante destinada á política social", seguida dos plans de emprego; en terceiro lugar, os plans keynesianos de emprego, isto é, obra pública promovida polo goberno municipal que terá "un tirón moi importante" e, en cuarto lugar, o orzamento terá unha dedicación destacada ao deporte que "é a revolución de Vigo", como o foron as humanizacións primeiro; un ámbito ao que os presupostos darán "máis atención".

Deste xeito, di Caballero que Vigo será o "primeiro concello de España que aproba o seu presuposto", tendo o documento aprobado a finais de ano, destacando a estabilidade que isto supón para a cidade e amosándose "feliz porque vexo que a cidade marcha".