Escoitar

O Concello volve situarse como a cidade galega que antes paga a provedores <br />

A Corporación tomou coñecemento do informe correspondente ao primeiro trimestre do ano, que certifica que Vigo está por debaixo da media das urbes españolas e revalida como a mellor cidade galega no pago aos provedores. Segundo revelou o concelleiro de Facenda, o Concello abona oito días antes de que empece a computar o prazo máximo de pago a provedores.

luns, 30 mai 2016
Vigo é a primeira urbe galega en pago a provedores e volve situarse por debaixo da media das cidades españolas. Así se desprende do informe correspondente ao primeiro trimestre do ano presentado hoxe luns ante o Pleno da Corporación municipal, que indica que o Concello abona as facturas oito días antes de que empece a computar o prazo máximo de pago a provedores.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que as administracións teñen trinta días para aprobar o documento acreditativo da prestación do servizo e outros trinta días para proceder ao pago.

Explicou o edil que o Concello realizou nos primeiros tres meses un total de 7.320 pagos por valor de 29,8 millóns de euros e subliñou que non se abonaron xuros de demora, o que pon de manifesto o cumprimento dos prazos legais.

Rubén Pérez, pola Marea de Vigo, salientou que o Concello pague antes que outras urbes mais apuntou que a administración local móvese "na mesma ratio" que no trimestre anterior, mentres que Miguel Fidalgo, do PP, indicou que o prazo empeorou pois se chegou a pagar en doce días.