Escoitar

O alcalde destaca o papel da música e da cultura para "achegar territorios"

Durante a presentación da campaña "Atlantico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas" da Deputación de Pontevedra, o rexedor salientou o papel da música para estreitar relacións, tal e como pretende este evento de promoción dos festivais de verán da provincia, que esta fin de semana se desenvolve no tren da ruta Vigo-Oporto.

luns, 30 mai 2016
1464612717festivalriasbaixas.jpg
Abel Caballero participou este luns na presentación en Vigo da campaña "Atlantico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas", que organiza a Deputación de Pontevedra para promover sete festivais musicais que acolle a provincia durante o verán: Cultura Quente en Caldas de Reis, Atlantic Festa na Illa de Arousa, Portamérica en Nigrán, Festival Sinsal na Illa de San Simón, Sonrías de Bueu, O Marisquiño en Vigo e as Revenidas en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa.

O acto central desenvolverase este sábado día 4 de xuño, cunha viaxe a bordo do tren Vigo-Oporto que servirá para dar a coñecer a oferta musical deste sete festivais aos medios e turoperadores lusos e tamén as actividades de lecer paralelas aos mesmos, que serven de foco de atracción turística e gastronómica das Rías Baixas.

Durante a presentación o alcalde destacou o papel do ferrocarril como "nexo de unión dos espazos" e cualificou de "xenial" a idea da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, de "achegar territorios a través da música e a cultura", salientando especialmente que esta relación se estreite co Norte de Portugal, a través desta campaña.
Descargar todas as imaxes