Escoitar

B A N D O "CELEBRACIÓN DE CACHARELAS DE SAN XOÁN ANO 2016"

venres, 27 mai 2016
Vistos os artigos 9, 36.5 e concordantes da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño,

De conformidade co disposto no artigo 84.1 a) da Lei 7/1985 de 2 Abril, Reguladora das bases do Réxime Local, en concordancia co artigo 7.3 do Decreto de 17 de xuño de 1955, polo que se aproba o Regulamento de servizos das corporacións locais, emítese o presente Bando, no que se informan, para coñecemento público, do réxime legal ao que quedan sometidas as autorizacións de queimas e uso do lume durante a época de perigo alto de incendios forestais no termo municipal de Vigo, para o ano 2016:

1º.- Durante a época de perigo alto de incendios forestais, declarado anualmente por orde da Consellería do medio rural e do mar, o Concello de Vigo unicamente poderá autorizar o uso do lume nas zonas agrícolas, forestais e nas zonas de influencia forestal co gallo da celebración de festas locais ou de arraigada tradición popular, como é o caso da Festividade de San Xoán (noite e madrugada dos día 23 e 24 de xuño, respectivamente). Asimesmo, nese mesmo periodo e ámbito, os artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de lumes de artificio, o lanzamento de globos e outros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención adecuadas. O concello comunicará as autorizacións ao distrito forestal correspondente ao seu ámbito territorial con corenta e oito horas de antelación como mínimo.

2º.- No ámbito urbano, as actividades a que se refire o número anterior quedan igualmente suxeitas a autorización previa do Concello.

3º.-Todas as solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de quince días á celebración do evento, co obxecto de poder analiza-lo seu contido e poder remitir a autorización que, de se-lo caso fose concedida, ao distrito forestal correspondente da administración autonómica, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á celebración do evento.

4º.- As solicitudes que eventualmente resultasen concedidas quedarán supeditadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

5º.- As autorizacións outorgadas non eximirán, en ningún caso, das responsabilidades por danos e prexuízos a que houber lugar no caso de que concorrese neglixencia ou imprudencia

6º.- A celebración de Cacharelas/Sardiñada de San Xoán na vía ou espazos públicos de titularidade municipal só serán concedidas ao colectivos ou asociacións veciñais e culturais debidamente constituídos e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacions.

7º.- Os interesados deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello, como data límite, o dez de xuño, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización. A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación (solicitado na oficina de Información urbanística) do espazo onde se vai a situar a cacharela e os seus elementos accesorios.

8º.- No caso de realizarse en terreos públicos de titularidade municipal terá de presentarse unha POLIZA DE SEGURO DE RESPONSABILIDADE CIVIL cunha cobertura polo importe de 150.000 € a nome do/a solicitante, achegando conxuntamente o comprobante de estar ó corrente de pago.

9º.- Os elementos da fogueira deberán estar colocados con dous días naturais de antelación a súa queima, para que o Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento poida levar a cabo a revisión e control desta coa antelación suficiente.

10º.- O volume do combustible da cacharela non excederá os oito (8) metros de perímetro, nin tres (3) metros de altura.

11º.- A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano.

12º.- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, derivados de hidrocarburos, fedorentos tóxi cos, así como de calquera outro material ou produto contaminante ou substancias susceptibles de desprender fumes tóxicos. Asemade, coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

13º.- As fogueiras non se poderán facer en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles ámbitos ou emprazamentos nos que poidan crearse situacións de perigo.

14º.- No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.

15º.- Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas sobre terreos de uso público que non estean expresamente autorizadas.

16º.- A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia, para a celebración de festas e romarías populares.

17º.- Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, debendo retirar todos os restos que queden unha vez rematado evento.

18º.- Os organizadores deberán cumprir co establecido na Lei 11/2010 de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

19º.- Con carácter xeral, prohíbese facer fogueiras nas praias, parques, xardíns, ámbito do Casco histórico e preto de calquera elemento que constitúa o patrimonio histórico ou cultural.

20º.- O desenvolvemento de celebración das cacharelas e sardiñadas deberá axustarse ao permiso concedido e as ordenanzas municipais que resulten de aplicación.

21º.- A competencia para resolver as solicitudes correspóndelle ao Concelleiro Delegado de Mobilidade e Seguridade, conforme ao réxime de delegación de competencias atribuídas por decreto de delegación da Alcaldía Presidencia de 19 de xuño de 2015 e acordo da Xunta de goberno local da mesma data.

Vigo, a 18 de maio de 2016

O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez