Escoitar

O alcalde levará unha segunda resolución á Zona Franca para que constrúa a bancada de Marcador

Caballero anunciou este xoves que levará ao Pleno do Consorcio unha segunda resolución, esta vez "executiva", aclarou, para que a Zona Franca constrúa a bancada de Marcador do novo estadio de Balaídos cun aparcamento que dea servizo tamén a Citroën. O rexedor confirmou que as obras en Tribuna van en prazo e concluirán en decembro deste ano.

xoves, 26 mai 2016
En declaracións aos medios este xoves, Abel Caballero volveu requerir da Zona Franca de Vigo a construción da bancada de Marcador, dentro da remodelación integral do estadio municipal de Balaídos, cun aparcamento que dea tamén servizo á factoría de PSA Peugeot Citroën.

Ao efecto, o alcalde anunciou que levará ao Pleno do Consorcio unha segunda resolución, desta volta "executiva", unha proposta que "se aprobará", segundo manifestou o propio Caballero, presidente do Pleno do Consorcio. Esta obra é "de gran importancia" para a cidade e o aparcamento xerará ingresos á Zona Franca que xustifican o investimento na construción da bancada.

Abel Caballero tamén asegurou este xoves que os traballos en marcha na bancada de Tribuna, cun investimento próximo aos cinco millóns, avanzan segundo os prazos previstos e estarán concluidas no mes de decembro.

A día de hoxe xa se ten desmantelada a cafetería e a oficina de abonados dos baixos, tamén os restos do interior da antiga Preferencia e da fachada exterior, mentres que a tenda oficial do RC Celta se reubicou. Igualmente cambiáronse as redes de servizo e retiráronse os tornos dos accesos a Preferencia.

Unha vez rematada a tempada, a empresa continúa os traballos no interior e comezou ao tempo coa desmontaxe da cuberta, en pezas de formigón tipo bañeiras dunhas 65 toneladas de peso. Posteriormente procederase ao ensamblamento da estrutura que soporte tanto a nova fachada como o teito e as tiras de aluminio que envolverán o estadio. Tamén neste verán se están a retirar a megafonía, o circuito de televisión e os focos.

O alcalde explicou que a previsión é ter instalada a nova cuberta de Tribuna antes do comezo da competición oficial. O resto da fachada será instalada coa Liga xa comezada, pois é compatible coa presenza do público no estadio.