Escoitar

Caballero enfatiza a "vocación" da Obra Social "La Caixa" contra a pobreza infantil

O alcalde de Vigo, o conselleiro de Política Social e os responsables da entidade asinaron este luns un convenio a tres anos para a implantación na cidade do programa CaixaProinfancia, centrado na atención a menores de idade en situación de risco de exclusión. A acción centrarase na procura da mellora educativa para fomentar a igualdade de oportunidades.

luns, 2 mai 2016
1462190390caixa.JPG
O alcalde salientou este luns a cooperación entre as tres partes, materializada neste convenio, e enfatizou singularmente a "vocación" da entidade bancaria na loita contra a pobreza infantil. O rexedor vigués manifestou, a modo de exemplo da acción do Concello na materia, que o goberno que preside concede 5.000 bolsas de comedor escolar para as familias viguesas con menos recursos, cando á súa chegada á Alcaldía outorgábanse unhas mil axudas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o director corporativo da Área Social da Fundación Bancaria La Caixa, Marc Simón, e o director territorial de Caixabank, Marc Benhamou, rubricaron e presentaron en Vigo o programa CaixaProinfancia, dirixido a familias con menores de idade en situación de vulnerabilidade.

Segundo explicaron, o proxecto prevé atender a unhas cincuenta familias viguesas e contará cun financiamento de 75.000 euros anuais, por un prazo inicial de tres anos máis con vocación de continuidade, tal e como acontece noutras urbes españolas. O programa enfócase na mellora educativa dos nenos para romper a cadena de pobreza e desigualdade que pasa de pais a fillos.

Unha vez identificados os beneficiarios coa colaboración do Concello de Vigo, as axudas cubrirán por exemplo alimentación e hixiene, equipamento escolar, reforzo escolar e psicolóxico, tempo libre e capacitación parental, entre outras.
Descargar todas as imaxes