Escoitar

O alcalde require a "actuación inmediata" da Xunta e de Fomento para recuperar as liñas de Maersk

Abel Caballero acudiu este venres ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria onde ofreceu a cooperación do Concello na defensa do Porto e onde instou á administración galega e estatal a "actuar inmediatamente" porque a marcha de Maersk a Marín "prexudica gravemente" a unha parte importante da economía de Vigo e Galicia.

venres, 29 abr 2016
O rexedor vigués amosou este venres ante o Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo o "apoio total e absoluto" e a cooperación en materia de asesoría do Concello para a recuperación das liñas de Maersk, que considera "imprescindible" para o seu futuro.

Ademais, Abel Caballero expuxo ante o Consello que esta decisión ten unha dimensión que vai máis alá da relación entre empresas porque "afecta de forma substancial á economía de Vigo e de Galicia", xa que incrementa os custos globais da pesca en Vigo, polo traslado que deben asumir as empresas do traslado dende Marín á cidade olívica, e apuntou á responsabilidade da anterior xestión do Porto. En consecuencia, vese afectada a operatividade dun porto público polo que, dixo, "non poden evadirse nin a Ministra de Fomento, nin o presidente de Portos do Estado nin o presidente da Xunta de Galicia" que "teñen que actuar de forma inmediata" pola "grande preocupación" que existe no sector e na cidade.