Escoitar

O Concello apoia un festival de grupos locais para recadar fondos de axuda aos refuxiados

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o próximo 13 de maio a partir das 19,00 horas un festival con grupos de música da cidade para recadar fondos de axuda aos refuxiados. A ONG destinataria é Proactiva Open Arms, de Badalona, que traballa con socorristas desprazados á isla de Lesbos para axudar ás persoas que chegan á costa grega.

venres, 29 abr 2016
1461932622concerto.JPG
The Soul Jacket, Camarada Nimoy, You Dog!, Salitre, Wonderlust Kings e Wöyza actuarán no Auditorio Mar de Vigo o próximo 13 de maio en favor dos refuxiados. Estes seis grupos de música de Vigo compartirán o escenario do Auditorio Mar de Vigo para colaborar coas miles e miles de persoas que escapan a diario da guerra de Siria. Tal e como explicou o rexedor en rolda de prensa, ademais da recadación, é moi importante poñer en valor o festival en si mesmo, porque "permite sumar a voz de Vigo en contra das políticas de abandono dos refuxiados", dixo Abel Caballero na rolda de prensa. O alcalde insistiu en cualificar de "indecente" a política europea respecto desta situación e lembrou que desde a FEMP vaise poñer en marcha unha rede de cidades de axuda aos refuxiados, con 8.200 concellos que representan a 46,5 millóns de persoas.

Tal e como explicaron os representantes dos grupos musicais que participaron na presentación, toda a recadación se destinará á Proactiva Open Arms, unha ONG de Badalona que traballa con socorristas desprazados á isla de Lesbos para axudar ás persoas refuxiadas que chegan á costa grega. Estes voluntarios necesitan fondos para costear as tarefas de salvamento coas que axudan a 20 embarcacións so día, cada una delas cunha media de 50 tripulantes, entre os que se atopan nenos e vellos.

As entradas para o concerto terán un custo de 10 euros en taquilla e de 8 euros, na venda anticipada.
Descargar todas as imaxes