Escoitar
Lois Castrillo asistirá este domingo 23 de febreiro á manifestación convocada por Nunca Máis

O alcalde chama ós vigueses a acudir á manifestación de Madrid

venres, 21 feb 2003
imx2361.jpg
Lois Castrillo
O alcalde de Vigo anima aos vigueses a acudir masivamente a Madrid, para dar unha nova mostra de civismo e dignidade e para esixir, coa contundencia democrática necesaria, o trato e o respecto debido a Vigo e Galiza polo goberno do estado a raíz da catástrofe do Prestige.

O alcalde de Vigo considera a demostración cidadá do vindeiro domingo 23 de febreiro un momento histórico para toda Galiza e todos os galegos. Castrillo manifesta a súa seguridade en que alí acudirán milleiros de vigueses sen distinción de ideoloxías a reivindicar a dignidade do seu país e a reclamar os seus dereitos: o dereito a saber a verdade, o dereito a reparación económica e política, o dereito a rematar coa indefensión das nosas costas.

O alcalde de Vigo está certo de que o domingo acudirán a Madrid xentes de todas as preferencias políticas para facer o que outros que foron elixidos para iso non fixeron: defender o que lles importa, defender a súa cidade e o seu país.

Lois Castrillo afirma que “Vigo, Galicia e os galegos temos dereito e esiximos a reparación dos danos políticos causados polo Prestige: Vigo, Galicia e os galegos reclamamos explicacións polo desastre do Prestige: Vigo, Galicia e os galegos temos dereito a saber a verdade do que pasou e a identificar os responsábeis: Galicia e os galegos temos dereito e esiximos o remate definitivo da situación de indefensión das costas galegas. Polycomander, Andros Patria, Urquiola, Casón, Mar Egeo, Prestige... Nunca Máis”.

O alcalde vigués explicou que a viaxe a Madrid ten como finalidade “que nos escoiten unha vez máis, aínda que sigan empeñados en silenciarnos”. Castrillo pide e confía unha vez máis na solidariedade dos españois para que se sumen a esta convocatoria, como nos acompañan os voluntarios na limpeza das costas e os milleiros de cidadáns que se teñen solidarizado cos galegos nesta emerxencia nacional derivada da catástrofe do Prestige.
Descargar todas as imaxes