Escoitar

Comezan as obras de creación da alameda de Valadares

venres, 21 feb 2003
imx2363.jpg
Lois Castrillo
A Concellería de Montes, Parques e Xardíns comzou as obras de acondicionamento da alameda de Valadares. Vaise proceder ao axardinamento do contorno do Polideportivo, que se coñece como o Pedregal e ten unha superficie aproximada de 4.607 m2. A zona verde disporá de xogos infantís.

A futura alameda do Pedregal terá unha configuración singular, xa que a zona conta con dous cursos de auga, Senra e Mandín, e cunha extensión importante de xunqueira. O acondicionamento deses dous regatos permitirá crear unha pequena zona de baño para os rapaces.

As obras comezaron con movementos de terra, e a sementeira de noiros de ambas marxes do regueiro, previas operacións de desbroce e consolidación. Unha vez realizado o desbroce, cava e nivelación con retirada de elementos grosos, procederase á instalación do sistema de rega. Posteriormente levaranse a cabo as plantacións e sementeiras.

A alameda disporá dunha zona de xogos infantís rodeada de toros de madeira. Ademais, a Concellería de Montes, Parques e Xardíns vai efectuar obras de mellora nas marxes do regueiro, formando accesos na marxe esquerda do mesmo e colocando pedras naturais en lugares estratéxicos que potencien as condicións naturais e mellorando o estado actual derivado das obras de saneamento. Plantarase arborado autóctono de ribeira, fundamentalmente amieiros, ademais de efectuar a limpeza de leito, aportes de pedras naturais no mesmo e subministro de area de río en remansos de decantación, co obxectivo futuro de converte-lo regueiro nunha zona de baño, sempre cando a auga esté en óptimas condicións.
Descargar todas as imaxes