Escoitar

O novo PXOM dará uso residencial e comercial á parcela de Cordelerías Mar

xoves, 20 feb 2003
O Consello da Xerencia de Urbanismo decidiu aceptar a proposta dos antigos traballadores do Grupo MAR S.A. de incorporar ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal un ordenamento da parcela que ocupaba Cordelerías Mar que permita os usos residenciais e comerciais. Para iso, o Concello subscribirá un convenio cos traballadores da extinta empresa no que se recollerán as carácterísticas da nova ordenación.

A decisión adoptada na Xerencia ven derivada dun acordo adoptado en 1995 polo Pleno da corporación municipal. Naquel acordo abríase a posibilidade de recalificar os terreos ocupados pola industria Cordelerías Mar para que as plusvalías da venda fosen dirixidas ao pagamento da débeda que o grupo de empresas MAR tiña contraida cos seus antigos traballadores.

A materialización da decisión plenaria farase a través dun convenio urbanístico no que se modificará o uso industrial que actualmente teñen os terreos por un uso residencial e comercial. Nos 5.460 m2 da parcela poderanse construír 70 vivendas, habilitarase unha zona verde de 1.134 m2 e cederanse outros 735 m2 para a ampliación do viario existente.