Escoitar

O Valedor do Cidadán presenta ante o pleno o seu informe anual

mércores, 19 feb 2003
imx2348.jpg
Espada
O Valedor do Cidadán, Luis Espada Recarey, presentou ante o Pleno da corporación o informe sobre o seu primeiro ano de xestión. Neste periodo, o Valedor recibiu as queixas de 93 persoas, ás que se orientou sobre a forma de resolver o problema que presentaban. Só o 40% deses cidadáns remataron rexistrando a súa queixa na oficina ao considerar que os seus dereitos foron violados pola administración municipal. O resto, ou ben formulaban problemas alleos ao Concello ou desistiron de presentar formalmente a súa queixa.

Os expedientes tramitados pola Oficina do Valedor foron 52. Oito deles non foron finalmente considerados porque non achegaron a documentación requirida, estaban pendentes de resolución xudicial ou se trataba de conflictos con empresas privadas.

O Valedor do Cidadán reclamou na súa intervención unha maior cooperación das distintas oficinas municipais co seu departamento. Nese sentido manifestou o seu malestar pola falta de contestación a determinados requirimentos, o que cualificou de actitude obstruccionista que viola o regulamento do Valedor. Iso non significa, segundo o informe, que non houbera colaboración entre o Concello e a súa oficina. Luis Espada lembrou tamén que “a única razón de ser da corporación municipal e do Valedor é a de protexer os dereitos dos cidadáns, recordándolles tamén os seus deberes, para conseguir así un maior civismo e unha maior calidade de vida”.

No seu primeiro ano de funcionamento, o Valedor do Cidadán realizou por iniciativa propia un estudio sobre os problemas que xera a “dobre fila” no tráfico de Vigo. Nas conclusións sinálase que o aumento do número de coches en dobre fila provoca un incremento considerable no tempo de percorrido e indícase que as vías de máis dun carril por sentido soportan, a baixas densidades, un elevado número de coches en dobre fila sen excesivos problemas. O Valedor traballa agora nunha enquisa sobre a opinión dos cidadáns sobre a peonalización da praza da Independencia. Ademais, propón realizar outro estudio que analice a satisfacción dos cidadáns coa comunidade local.
Descargar todas as imaxes