Escoitar

”Mar á vista” incide na educación ambiental

martes, 18 feb 2003
imx2341.jpg
Recollida de fuel
Escolares vigueses participarán no programa ”Mar á vista”, desenvolvido no Museo do Mar do 18 ao 28 de febreiro en colaboración coas concellerías de Educación e Medio Ambiente, que servirá mediante unha intervención educativa para a recuperación do mar e da costa galega tralo desastre do ”Prestige”.

O proxecto ”Mar á vista”, a través dos seus obradoiros de educación ambiental realizados cunha temática orientada ao medio mariño, proporcionaralles aos nenos participantes un espacio de lecer onde aprenderán a recoñecer o medio natural e social no que se desenvolve a actividade pesqueira e marisqueira de grande importancia. Achegaranse coñecementos que lles permitan discernir e analizar a transformación do medio natural e a alteración dos ecosistemas, así como os recursos naturais e sociais afectados.

O obxectivo xeral deste programa é educar os nenos no coñecemento, respecto, protección e conservación dos valores naturais e patrimoniais da súa terra. Búscase tamén aprender da catástrofe da marea negra mediante a concienciación dos nenos polo valor de sensibilizar as xeracións responsables do futuro. Quérese que os participantes adquiran unha postura crítica ante a degradación do medio ambiente, potenciando actividades para a conservación e mellora dos espacios naturais.

O programa, desenvolvido polo Cabildo de Tenerife, xunto coa Delegación de Medio Ambiente de La Laguna, realízase co fin de sensibilizar os escolares no coñecemento, respecto e protección dos valores naturais e patrimoniais do medio mariño.

As actividades parten dunha metodoloxía de acción participativa a través da realización de obradoiros. Os nenos visitarán unha ludoteca, obradoiros sobre residuos e lixo, de nós mariños, de xestión artística dos restos do mar, de fisonomía e fisioloxía animal e outro sobre mareas negras. Ademais, cóntase cunha biblioteca na que se poden consultar libros sobre ecosistemas canarios e galegos, literatura con referencias ao mar...

Entre as actividades destaca o gran xogo da marea negra, destinado a elaborar un mapa do mundo con imáns no que se pode identificar qué función ten a xeración de recursos no modelo socioeconómico, a súa forma de producción e transporte e a influencia na cadea alimenticia e conservación do medio.
Descargar todas as imaxes