Escoitar

Convocatoria de bolsas de colaboración para o Centro de información dos dereitos da muller

luns, 17 feb 2003
A Concellería da Muller convoca dúas bolsas de colaboración destinadas ao desenvolvemento das tarefas de recepción e acollida ás usuarias do servicio do Centro municipal de información dos dereitos da muller. O traballo consistirá en detectar as problemáticas de violencia, canalizando a demanda e establecendo a derivación ao recurso axeitado ou ao profesional competente.

As tarefas básicas a desenvolver serán a atención directa ás usuarias do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller que sexan víctimas de violencia, proporcionándolles a acollida no servicio creando un espacio de escoita. Facilitarán información dos recursos existentes, derivación dos casos aos servicios sociais de atención primaria ou servicios especializados cando a problemática así o requira.

Ademais procederán a detectar situacións de violencia de xénero favorecendo a atención e apoio á víctima, tratarán a información recollida nos expedientes das mulleres no CMIDM e no correspondente asento na base de datos e informatizarán os datos. Terán a oportunidade de participar nas xuntanzas de coordinación e na elaboración do plan de traballo e memoria final do programa.

Os solicitantes das bolsas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Posuír o título de diplomado en traballo social
b) Ter rematados os estudios que conlevan á obtención da diplomatura non antes do ano 2001
c) Valorarase ter coñecementos de informática, Windows 98 e xestión da información mediante base de datos relacionais.
d) Non ter emprego remunerado, nin gozar nin ter gozado doutra bolsa ou axuda económica do Concello de Vigo ou organismos dependentes do mesmo.
e) Carecer de débedas co Concello de Vigo, Facenda e coa Seguridade Social.

Ademais, e segundo a orde do 1 de abril de 1997 do Servicio Galego de Igualdade da Xunta de Galicia, pola que se regulan os requisitos específicos que deberán reunir os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos, a selección do persoal debe atender aos seguintes criterios:

f) Especial sensibilidade cara a problemática da muller en xeral e os malos tratos domésticos en particular
g) Cualidades para o traballo en equipo
h) Experiencia previa con mulleres
i) Compromiso ideolóxico orientado á non discriminación

MÁIS INFORMACIÓN