Escoitar

O Concello descobre novos restos romanos en Mirambel e planificará a súa divulgación

O alcalde anunciou hoxe venres a aparición de "importantísimos xacementos arqueolóxicos" atopados xunto á finca romana de Mirambel, en Canido, un novo asentamento que "constata a teoría de que Vigo foi unha importante vila romana". O Concello elaborará planos dos novos restos e acometerá as excavacións cando rematen as obras en Mirambel e mellore a situación económica.

venres, 22 nov 2013
1385124677mirambell.JPG
O Concello de Vigo axdicou e iniciou as obras do futuro centro de interpretación e divulgación da vila romana de Mirambel, en Canido, traballos durante os cales os arqueólogos descubriron "importantísimos xacementos arqueolóxicos" novos, como un edificio tellado de carácter residencial, vigas de madeira, cerámica doméstica, vidros...

Caballero explicou ademais que, na zona máis próxima á costa, apareceu un espazo funerario cunha tumba e "enormes cantidades" de material, entre o que destaca un ladrillo romano "do que existen contados exemplares en toda Galicia e en toda España". O novo xacemento, de "riqueza incalculable", constata para o rexedor "a teoría de que Vigo foi unha gran urbe romana".

O alcalde adiantou que as obras do centro de interpretación continuarán, con 661.000 euros de investimento procedente dunha subvención do Ministerio de Cultura, ao tempo que Patrimonio Histórico do Concello elaborará planos detallados dos xacementos arqueolóxicos atopados en Mirambel, en Celso Emilio Ferreiro e no Castro, para recuperar estes espazos.

O obxectivo municipal pasa por "descubrir esta inmensa riqueza arqueolóxica romana" da cidade cando estea concluída a obra do centro de interpretación de Mirambel e a situación económica mellore.
Descargar todas as imaxes