Escoitar

O Concello rexeita a supresión da paga de Nadal aos funcionarios municipais

O acordo de "indispoñibilidade de créditos no capítulo I" para a paga extra levouse a Pleno "por imperativo legal", explicou o alcalde; socialistas e nacionalistas rexeitaron a medida cos seus votos. Caballero avanzou "reuniones" para "devolver" o poder adquisitivo perdido polos traballadores públicos do Concello.

luns, 26 nov 2012
No debate deste punto da orde do día, os grupos socialista e nacionalista criticaron a medida adoptada polo goberno de Rajoy por ser unha "agresión" aos empregados públicos e "non ter intención nin efecto" na saída da crise, unicamente "merma" o poder adquisitivo dos funcionarios e restrinxe o consumo, causando un perxuizo á actividade comercial da cidade.

O Partido Popular de Vigo, quen votou favorablemente á supresión da paga, afirmou que esta decisión responde á "herdanza" recibida en Madrid do goberno de Zapatero e acusou ao alcalde de "enganar" aos funcionarios "coa connivencia dos sindicatos e o comité de empresa" ao facerlles pensar que poderían cobrala.

Abel Caballero, pola súa banda, tomou a palabra para manifestar que "houbo reunións" no Concello para intentar paliar os efectos deste "recorte" do Partido Popular desde o Estado e devolver o poder adquisitivo. O alcalde avanzou que se están a concretar as medidas a tomar desde o goberno local con este propósito.