Escoitar

Caballero destaca a presenza de miles de mozos e mozas "levantando a voz contra a violencia machista"

Case 2.000 alumnos e alumnas dun total de 40 centros de ensino secundario de Vigo e unha ampla representación da cidadanía participaron na iniciativa Enlaza Vigo-Reacción Cidadá contra a Violencia de Xénero, posta en marcha polo Concello para esixir a todos os poderes públicos e á sociedade en xeral un compromiso real e unha implicación decidida para combater o terrorismo machista.

venres, 23 nov 2012
1353675548enlazavigo.jpg
O alcalde, Abel Caballero, destacou hoxe venres a presenza de miles de mozos e mozas de todos os centrso de Vigo "levantando a súa voz nun clamor contra a violencia de xénero". Durante o acto organizado polo Concello para conmemorar o 25 de novembro, engadiu que a "voz de Vigo e o respectuoso silencio vai percorrer as rúas de toda España nunha voz conxunta para eliminar esta lacra". O rexedor leu un poema de Rosalía de Castro e agradeceu á cidadanía a súa participación neste evento, no que se gardou un minuto de silencio en memoria das vitimas do terrorismo machista.

Tralo éxito acadado o pasado ano na convocatoria dunha gran cadea humana na que participaron miles de cidadás e cidadáns, Vigo volveu hoxe a manifestar o seu rexeitamento contra a lacra da Violencia de Xénero, coa formación dun gran tapiz humano no centro da cidade, no tramo de Urzáiz comprendido entre a Farola e a rúa República Arxentina.

Enlaza Vigo contou tamén coa figura dos "Enlaces", persoas cunha proxección pública, que actúan en diversos ámbitos (a literatura, o deporte, a arte, a música, o xornalismo, etc.) como difusores desta iniciativa.

Ao igual que o pasado ano, participaron en Enlaza Vigo institucións e organizacións da cidade, entre elas, ademais dos centros de ensino, á Universidade, sindicatos, asociacións veciñais, clubes deportivos, sociedades culturais, centros cívicos, colectivos empresariais ou institucións públicas, para lograr a implicación decisiva e necesaria para rematar co terrorismo machista.

Esta iniciativa difúndese nas redes sociais Facebook e Twitter, onde conta con arredor de 1.200 seguidores e seguidoras, e unha audiencia directa estimada de preto de medio millón de persoas. Ademais, dispón da web www.enlazavigo.com, que actualiza os seus contidos en sincronía cos das súas redes sociais, ofrece información actualizada e opinións sobre Violencia de Xénero, así como as incorporacións das persoas que se van sumando á campaña como Enlaces.

O programa previsto para este ano tamén incluíu unha exposición colectiva sobre Violencia de Xénero, na que tamén participou de xeito moi activo o alumnado vigués, así como asociacións de mulleres, outros colectivos sociais e numerosas persoas que quixeron contribuír a esta mostra.

Desde que se teñen estatísticas sobre este problema, no ano 2003, máis de 650 mulleres foron asesinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas, e centos de miles son, día a día, vítimas do poder que os homes exercen sobre elas. Segundo os datos do Ministerio de Igualdad, no que vai de ano, foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas un total de 43 mulleres (catro mortes máis atópanse en fase de investigación).

Tapiz humano
O tramo da rúa Urzáiz comprendido entre a Farola e a rúa República Arxentina foi o escenario onde se formou un gran tapiz humano que simbolizou o rexeitamento da cidade de Vigo á violencia machista. O alumnado vigués participou dun xeito activo, desde a súa chegada ao punto de encontro (Farola de Urzáiz) e ata o momento de crear o tapiz humano, en diversas actividades lúdicas e reivindicativas que reflicten as distintas expresións artísticas e deportivas que practica a mocidade.

Entre as actividades, houbo exhibicións de malabares, parkour, patíns en liña, breakdance, graffiti ou rap. Deste xeito, os mozos e mozas participantes poderon disfrutar dun variado programa, que coordinou un equipo de animación socioxuvenil. O acto contou coa colaboración da escritora Ledicia Costas e da pedagoga Nuria Carballido na parte de locución e animación. Ademais, volveron a estar presentes as siluetas brancas que representan ás vitimas. O pasado ano estas siluetas tamén protagonizaron a cadea humana contra a Violencia de Xénero e posteriormente foron depositadas de xeito simbólico na ladeira do Castro.

Exposición colectiva
O alumnado dun total de máis de trinta centros do ensino da cidade participou do 19 ao 23 de novembro na exposición colectiva contra a Violencia de Xénero, que tivo como escenario a rúa do Príncipe. A cidadanía viguesa visitou esta mostra que reflicte o compromiso do estudiantado da cidade na loita contra a violencia machista.

Os traballos realizados abranguen diversas expresións artísticas, como pintura, debuxo, collage, graffiti ou textos. O alumnado vigués amosou nesta actividade, ademais dunha gran concienciación sobre o problema da violencia contra as mulleres, unha gran creatividade e orixinalidade.

A participación nesta exposición colectiva tamén estivo aberta a asociacións de mulleres e outros colectivos sociais. Ademais, as persoas interesadas en participar poideron facelo a través dos paneis situados fronte ao MARCO.

Vigo xa é un referente na loita contra a violencia machista. En non só na homenaxe e recordo ás vítimas, senón no compromiso individual das cidadás e cidadáns na erradicación deste tipo de agresións. Todas as persoas temos, non soamente o dereito, senón tamén o deber, de avisar á Policía ou á Xustiza se coñecemos un caso de violencia contra unha muller.
Descargar todas as imaxes