Escoitar

O Concello aprobou 13 convenios para a creación de máis de 120 postos de traballo

O alcalde de Vigo informou da aprobación ata o momento de convenios con 13 entidades por valor de 1,2 millóns para a creación de máis de 120 empregos, programas que forman parte do Plan Municipal de Emprego -dotado con 7,5 millóns- aos que Abel Caballero sumou os 14,4 millóns que reservan os orzamentos municipais para investimentos.

luns, 8 out 2012
1349697637caballero.JPG
O alcalde, Abel Caballero, desglosou os convenios aprobados ata o momento polo goberno de Vigo para dar un "impulso importante ao emprego da cidade", acordos validados con sindicatos, Mancomunicade de Montes, a Universidade de Vigo e asociacións veciñais, entre outras.

Segundo explicou Caballero, os 13 convenios suman unha achega do Concello de 1.237.000 euros, que servirán para crear máis de 120 empregos. Esta iniciativa forma parte do Plan Municipal de Emprego, dotado con 7,5 millóns de euros.

En segundo lugar, os orzamentos do goberno local contemplan investimentos por valor de 14, 4 millóns de euros, "obras para xeración de emprego" que mellorarán ao tempo o paseo de Bouzas, a rúa Nicaragua, Brasil, Aragón, Pintor Colmeiro, Martínez Garrido, Ramón Nieto, Doctor Marañón, Menéndez Pelayo e a praza da Miñoca, ademáis de reformas en parques e zonas verdes, o Mercado do Berbés, as novas escolas infantís municipais e os equipamentos deportivos das instalacións da antiga ETEA, en Teis.

Caballero confirmou que esta mañá chegou ao Concello a "aprobación oficial" do Plan Económico e Financeiro -co que o goberno municipal sufraga na súa maior parte os investimentos- por parte da Xunta de Galicia.
Descargar todas as imaxes