Escoitar

O Concello suma 60 novas bolsas de inglés e concede este ano un total de 445

O alcalde de Vigo informou da decisión adoptada pola Xunta de Goberno Local deste venres de ampliar en 60 as prazas ofertadas polo Concello para que estudantes de Secundaria poidan mellorar o seu nivel de inglés no estranxeiro. Caballero anunciou a súa "vontade" de ampliar a oferta no próximo curso.

venres, 3 ago 2012
1343995033alcalde4.jpg
Entre as achegas que o Concello outorga a estudantes da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e dos centros públicos e concertados da cidade, o goberno local concede este ano un total de 445 bolsas para mellorar a capacitación dos estudantes vigueses en idiomas.

As novas 60 prazas ofertadas para alumnado de ESO veñen completar "unha parte da demanda dos colexios públicos", consecuencia da retirada deste programa por parte da Xunta de Galicia, que da tres bolsas na cidade, segundo asegurou o socialista.

O alcalde explicou que as solicitudes recibidas este curso para o programa Vigo en Inglés 2012 se aproximaron ás 600 e manifestou a súa "vontade política" de incrementar a oferta o próximo ano para cumprir o "obxectivo" de que todos aqueles que o soliciten poidan recibir a bolsa municipal para ensino de inglés no estranxeiro.

Mantemento de instalacións educativas
O goberno local tamén adxudicou este venres por dous anos o contrato de mantemento das instalacións de calefacción e auga quente sanitaria dos colexios públicos de Vigo por un custe de 110.000 euros. Caballero recordou que o Concello adica 4 millóns de euros anuais ao mantemento dos colexios de educación infantil e primaria de Vigo.

Dependencias municipais
A Xunta de Goberno Local, tal e como informou o primeiro edil, acordou sacar a licitación pública o servizo de limpeza do Concello e do resto das dependencias municipais, por un total de 7,5 millóns de euros.
Descargar todas as imaxes