Escoitar

O alcalde asegura que a FEMP avala a decisión de non aceptar competencias impropias como o pago dos terreos para a Cidade da Xustiza

A Comisión Nacional de Administración Local da FEMP avalou a decisión do Goberno municipal de non asumir competencias impropias que non teñan finanzamento, como é o caso da compra de terreos que a Xunta esixe ao Concello de Vigo para construír a Cidade da Xustiza. Así o explicou o rexedor e vicepresidente primeiro da Femp, logo da xuntanza mantida onte, mércores, en Madrid. Caballero, asimesmo, avanzou que o Goberno Central asumiu a elaboración dunha lei para determinar competencias que eviten duplicidades de obrigas que, na maior parte dos casos, se lle esixen aos concellos sen base legal algunha.

xoves, 26 xan 2012
1327582066caballero.JPG
O Pleno da Comisión Nacional de Administración Local da Femp foi o foro no que todos os alcaldes presentes fixeron un recoñecemento colectivo de non aceptar competencias impropias que non veñan acompañadas de finanzamento. Esta opinión avala, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, a negativa do Goberno municipal a aceptar a "chantaxe" da Xunta de Galicia de asignar ao Concello a obriga de comprar os terreos da Cidade da Xustiza con cartos dos vigueses "para aforrar cartos ao Goberno autonómico".

No transcurso da reunión de alcaldes co ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o Goberno central asumiu a elaboración dunha lei para determinar quen ten cada competencia e como se financia, segundo avanzou Caballero ao tempo que insistiu en que todos os primeiros edís reiteraron a súa oposición a asumir obrigas que non estean avaladas por competencias definidas por lei.

Este posicionamento conxunto, incidiu, "é un aval a nosa posición sobre a Cidade da Xustiza, contraria a aceptar a pretensión da Xunta de volcar sobre o Concello a obriga de financiar solo para algo que non é competencia municipal". O goberno autonómico, proseguiu, ten as competencias que lle atribúen as leis e que está obrigada a financiar na súa totalidade e, "aínda que o Concello está disposto a cooperar, o facemos de xeito voluntario e sen obrigas legais", puntualizou.
Descargar todas as imaxes