Escoitar

O goberno local inicia a tramitación do orzamento municipal para 2012

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que nos próximos días trasladará aos grupos politicos o borrador de orzamento municipal para 2012, unha vez a Comisión Nacional de Administración Local -celebrada onte en Madrid, coa presencia de Caballero- aclarou algunhas medidas de financiamento local. Tras a redacción dos informes técnicos, o rexedor prevé levar as contas á súa aprobación inicial en Xunta de Goberno Local.

xoves, 26 xan 2012
1327581574alcalde2.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe xoves que o goberno local inicia a tramitación administrativa cara á aprobación dos orzamentos do Concello para 2012.

Caballero, quen participou onte na reunión da Comisión Nacional de Administración Local na súa calidade de vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias, explicou que o Goberno de España aclarou na devandita cita en Madrid algunhas das cuestións económicas que tiñan parados boa parte dos orzamentos municipais españois.

Explicou o alcalde que o executivo central comunicou que non fará oficial a devolución a 10 anos dos anticipos aos municipios correspondentes a 2008 e 2009 ata o mes de xuño, co que o Concello de Vigo elaborará o seu orzamento segundo a normativa actual, é dicir, contando coa devolución nun prazo de cinco anos.

Esta cuestión pode supor ata dous millóns de euros de variación no orzamento vigués, pero agardar a que a devolución a unha década sexa oficial retrasaría a aprobación do documento a setembro ou outubro, segundo estimou o rexedor.

O goberno local tramitará por tanto o texto para 2012 no escenario legal vixente e o alcalde conta con poder remitilos aos grupos políticos nas primeiras xornadas da próxima semana para o seu estudo. Paralelamente, os técnicos municipais redactarán os seus informes previos á aprobación inicial do orzamento en Xunta de Goberno Local.
Descargar todas as imaxes