Escoitar

O Consello Escolar de Vigo reproba a política educativa da Xunta

O Consello Escolar Municipal reprobou as medidas e actuacións que a Xunta está a por en práctica en detrimento do ensino e, en especial, do ensino píblico. Tamén aprobou o plan de traballo anual sobre mapa escolar, comedores, instalacións deportivas e infraestructuras e mantemento. Estes acordos tomáronse na sesión plenaria do Consello celebrada o pasado día 3 de novembro no Instituo Municipal de Educación.

venres, 4 nov 2011
1320414550ime.jpg
A concelleira de Educación, Raquel Díaz, que presidíu a sesión plenaria, transmitíu aos asistentes o total compromiso que o Concello de Vigo ten co ensino e a intención da Concellería de seguir traballando e apostando decididamente na procura da mellora da calidade do ensino. Igualmente desexou que "este órgano colexiado poda despregar toda a actividade que potencialmente ten, dado que esto será un factor importante na recuperación social do feito educativo".

Entre os acordos que se adoptaron nesta sesión figuran a aprobación da moción presentada por Raquel Díaz Vázquez, presidenta do CEMV, e emendada pola Comisión de Equipamentos e de Planificación Educativa reprobando as medidas e actuacións que a Xunta de Galicia está a por en práctica en detrimento do ensino e, en especial, do ensino público. O Consello reprobou a política educativa da Xunta de Galicia, esixindo que cumpra os compromisos de investimentos adquiridos na nosa cidade e atenda con eficacia e de forma urxente as necesidades; que suprima de inmediato a instrucción 1/2011 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación que indica que aquel usuario de comedor que teña pendente de pago calquera cantidade deberá ser excluido do servizo non tendo dereito ao uso do mesmo; que se derogue a Orde de 23 de xuño de 2011 e se aumente o investimento no ensino público co horizonte do 6% do PIB; que se promova a urxente apertura do imprescindible proceso de diálogo institucional con todos os sectores da Comunidade Educativa a través dos seus organismos representativos.

O Consello aprobou a Memoria Anual da Actividade do curso 2010-2011, así como organizar as Xornadas de Convivencia Escolar que terán lugar o 20 e 21 de Abril de 2012. Estas xornadas forman parte do Plan de traballo anual da Comisión Pedagóxica e de Innovación Educativa que pretende a través desta iniciativa didáctico-formativa recoller as boas prácticas e experiencias claves neste campo, que se están a desenvolver na nosa cidade.

Aprobouse tamén o plan de traballo anual da Comisión de Equipamentos e Planificación Educativa que incidirá en catro grandes eixos: mapa escolar, comedores escolares, instalacións deportivas e infraestruturas e mantemento. Neste senso, aprobouse retomar unha petición que se fixera no curso pasado á Universidade de Vigo solicitando asistencia técnica para elaborar o mapa escolar do Vigo.

O Consello aprobou a moción presentada pola Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), solicitándolle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que asuma a xestión dos comedores escolares da cidade de Vigo e que leve a cabo os arranxos precisos e as medidas oportunas para adecuar os espazos aos usuarios e ás necesidades do servizo.

O Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) está formado por representantes elixidos de todos os sectores da educación –administracións públicas, ANPAs, profesorado, alumnado, entidades veciñais, empresarios, sindicatos e asociacións vinculadas ao mundo do ensino.


Descargar todas as imaxes

Máis información