Escoitar

O goberno local acatará a sentenza que anulou a licenza de urbanización en A Pastora concedida en 1996

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu quince días ao Concello para a "inmediata execución da sentenza firme" imposta no ano 2000, anulando o estudo de detalle e a licenza concedida polo goberno local en 1995 e 1996, respectivamente. "Como facemos sempre, obedecermos os mandatos" xudiciais, indicou o rexedor, quen adiantou que Urbanismo estudará a situación dos tres edificios afectados co novo Plan Xeral en vigor.

xoves, 3 nov 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou hoxe xoves que o goberno local acatará a sentenza do TSXG que da 15 dias ao Concello para a "inmediata execución da sentenza firme" que anulou no ano 2000 o estudo de detalle e a licenza de urbanización concedida pola administración municipal en 1996, en A Pastora.

Onte entrou a comunicación xudicial no Concello e, "como facemos sempre, obedeceremos os mandatos" dos tribunais, aseverou Caballero, quen indicou que os servizos xurídicos municipais xa están a estudar o escrito.

Unha sentenza do ano 2000 anulou o estudo de detalle e a licenza concedidos en 1995 e 1996, respectivamente, da urbanización da Pastora -tres edificios, oito andares e 51 vivendas, para un total de 8.700 m2 de superficie construída-, sendo alcalde Manuel Pérez, do Partido Popular.

Caballero afondou en que, "outra vez máis", o executivo actual ten que facer fronte ás "neglixencias" e "actuacións urbanísticas nefastas" de anteriores gobernos locais. Esta sentenza "nada ten que ver" nin co goberno que preside o socialista nin co actual Plan Xeral en vigor.

O alcalde recordou que, de derrubarse esta promoción, "as arcas desta cidade quedarían literalmente quebradas", polo que marcou a folla de ruta nesta cuestion: en primeiro lugar cumprir o mandato xudicial e, en segundo, estudar como encaixa o novo PXOM sobre a urbanización, algo no que xa están a traballar os técnicos da Xerencia municipal de Urbanismo.