Escoitar

O alcalde anuncia que o Centro internacional de Ensinanzas da UNED, exclusivo de Vigo, operará no segundo cuatrimestre do próximo curso

Tras unha reunión co diretor do campus do noroeste da UNED, Abel Caballero anunciou que a apertura do Centro internacional de Vigo está prevista para o segundo cuatrimestre do próximo curso 2011-2012. O primeiro paso será a constitución do Consorcio Universitario, que xa conta coa participación da UNED e do Concello vigués, á falta dunha resposta á invitación cursada á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia. Caballero avanzou que invitará a institucións privadas do ámbito económico e social.

martes, 19 xul 2011
1311080325uned.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, datou para o segundo cuatrimestre do próximo curso a apertura do Centro internacional de Ensinanzas da cidade, que dará servizo aos 3.000 vigueses que cursan estudos da UNED en Pontevedra, ademáis de a toda Iberoamérica en idioma español e a todo o mundo en galego.

Tras unha reunión celebrada este martes co director do campus noroeste da Universidade Nacional de Educación a Distancia, José Luis Prieto, o alcalde recordou que este Centro -con ubicación prevista no Auditorio Pazo de Congresos "Mar de Vigo"- será pioneiro e aglutinará todas -aproximadamente 30- as titulacións universitarias que oferta a UNED.

En declaracións aos medios, Caballero explicou que o próximo paso cara á apertura do Centro é a conformación do Consorcio Universitario, tras a aprobación en Xunta de Goberno da UNED da creación desta dotación en Vigo e a elaboración dun borrador de convenio que están en mans de ambos. O Concello de Vigo e a propia universidade xa confirmaron a súa presenza no Consorcio, mais a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra -invitadas a entrar no Consorcio- aínda non contestaron á proposta.

O alcalde agarda poder contar coa participación e os recursos de ambas institucións no Consorcio Universitario da UNED de Vigo, pero garantiu que o Centro sairá adiante con independencia da posición de ambas institucións. Caballero tamén adiantou que contactará con entidades privadas do ámbito económico-finaneiro da cidade para que sexan partícipes do mesmo.

O primeiro edil vigués afirmou sentirse "moi satisfeito" pola apertura en Vigo dun Centro internacional destas características, que será a referencia no mundo para os estudos en galego e para toda Iberoamérica para os estudos en español. Caballero denunciou que esta dotación "estase retrasando porque a Deputación e a Xunta non responderon" á invitación cursada para entrar no Consorcio.
Descargar todas as imaxes