Escoitar

O alcalde reclama á Xunta a titularidade para Vigo do vial que une a cidade con A Ramallosa

Abel Caballero anunciou este mércores o envío dunha carta á Xunta de Galicia reclamando a transferencia da titularidade da parte do vial PO-325 (que une a cidade con A Ramallosa) que pasa por Vigo. O alcalde recordou que tamén "estamos na tramitación" da cesión da Avenida de Madrid, desde Puxeiros ata a Praza de España, como parte da política municipal de que "todas as competencias que teñan que ver coa atención aos cidadáns as teñamos no Concello".

mércores, 15 dec 2010
1292420541017.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este mércores por carta á Xunta de Galicia que o Concello asuma a titularidade da parte do vial Vigo-A Ramallosa que pasa polo municipio vigués.

En declaracións aos medios, o primeiro edil explicou que o obxectivo municipal é que, "en Vigo, todas as competencias que teñan que ver coa atención aos cidadáns as teñamos no Concello", e este tramo da PO-325 "xa é unha rúa viguesa" pois conta na actualidade con servizos que presta o municipio como a limpeza ou o transporte público entre outros.

Caballero pediu a transferencia "en condicións axeitadas" e "cos recursos necesarios para que continuemos co seu mantemento" do vial, ao tempo que recordou que "estamos na tramitación" co Ministerio de Fomento para a cesión da titularidade ao Concello do tramo vigués da Avenida de Madrid desde Puxeiros ata a Praza de España. O alcalde explicou que o seu obxectivo é poder atender todas as rúas de Vigo por igual.

O rexedor amosou a súa "estrañeza" pola nova feita pública pola Xunta nos medios de comunicación anunciando o traspaso deste vial á Deputación de Pontevedra. "Non temos ningunha notificación de que a Xunta de Galicia pretenda pasar a competencia á Deputación, o Concello de Vigo non ten ningún coñecemento desto", denunciou.
Descargar todas as imaxes