Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o programa Benvido Nadal e a pista de xeo estarán na Praza do Rei ata o 16 de xaneiro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este martes a pista de xeo, que estará instalada na Praza do Rei ata o 16 de xaneiro de 11 a 23 horas, xunto a outras iniciativas de lecer para os nenos e nenas, integrados no programa Benvido Nadal. O nacionalista agradeceu ao representante da empresa Gadis, Antonio Cortés, a súa colaboración, así como ás concellerías de Igualdade, Xuventude, Normalización Lingüística, Patrimonio Histórico, Cultura e Deportes, "que tamén están entregadas en ofrecer actividades aos mozos e mozas", destacou.

martes, 14 dec 2010
1292333028xeo.JPG
Santi Domínguez afirmou que "temos que poñer un grao de area para recuperar a esperanza e a ilusión nesta cidade", a pesar de que o principal obxectivo da Tenencia de Alcaldía é "traballar contra a crise económica". Neste sentido defendeu que é preciso poñer a disposición da cidadanía espazos de lecer, especialmente dirixidos para os nenos e nenas, que nesta época teñen máis tempo libre.

O tenente de alcalde destacou que este ano, como novidade, a pista de xeo estará na Praza do Rei "porque pareceunos mellor ter concentrados as actividades" para os rapaces e rapazas. Explicou que a pista, cunha dimensión de 20x30 metros, completarase con tres carpas para os servizos auxiliares, inchables para os máis pequenos e casetas nas que se poderán adquirir artigos de artesanía. Respecto aos prezos para patinar na pista, o nacionalista indicou que son "moi asequibles", xa que para adultos serán de 6 euros e para nenos de 3 euros.

Santi Domínguez lembrou que a programación coordinada pola Tenencia de Alcaldía comezou o pasado 3 de decembro co acendido do alumeado de Nadal. "É unha satisfacción ver como está o centro da cidade e nos enche de satisfacción poder presentar diferentes actividades nos vindeiros días, que culminarán coa cabalgata de Reis", manifestou.

Antonio Cortés, representante da empresa Gadis, agradeceu ao Concello de Vigo, á Tenencia de Alcaldía e ás concellerías de Xuventude e Cultura "por convidarnos a participar nesta iniciativa un ano máis". Explicou que a cidadanía terá a posibilidade de patinar sobre xeo grazas ao reparto de 3.000 entradas nos seus puntos de venda.
Descargar todas as imaxes