Escoitar

O Auditorio Municipal propón música e teatro de monicreques para este fin de semana con Renato Spencer e Telón de Azúcar

A programación estable de artes escénicas da Concellería de Cultura continúa este fin de semana co concerto que Renato Spencer ofrecerá mañá ás 20.30 horas e o teatro de monicreques que o domingo interpretará a compañía Telón de Azúcar ás 18.30 horas. O programa completo pódese consultar en www.vigocultura.org e as entradas pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo das actuacións.

venres, 26 nov 2010
Renato Spencer e a súa banda Café CaXaca presentan, por primeira vez en directo, o seu novo traballo discográfico, "Peneirando". Este disco é o resultado de cinco anos de convivencia entre Renato e músicos de diversas orixes tanto xeográficas como musicais que residen en Galiza. Rumba e forró, tamboril e zabumba, muiñeira e afoxé, gaita e cavaquiño mestúranse de forma natural. "Peneirando" recolle temas propios e versións de músicas populares brasileiras e galegas.

O grupo liderado por Renato Spencer está formado por María Comesaña, Paco Chapela, Xoán Leis, Alan Pinto. Contou coa participación de músicos como Luis Castellanos, Isaac Millán, Anxo Pintos, Roi Adrio, Antonio Castillo, Juan Comesaña "Viti", Xico Cariño e Luis Prego, entre outros. As entradas do concerto teñen un prezo de 7 euros.

A compañía Telón de Azúcar representará o domingo a obra "Las inquietudes de Mikelo", dirixida especialmente aos nenos e nenas a partir dos 5 anos. Narra a historia de Mikelo, un neno que ten sobre todo a inquedanza de buscar unha vacina contra o medo e para conseguilo ten aos seus amigos Coco e Berta. Será unha aventura chea de sorpresas e descubrimentos. O prezo das entradas é de 3 euros os nenos e nenas de ata 12 anos e 5 euros os maiores.