Escoitar

A Casa das Artes acolle unha mostra da primeira etapa do artista Antón Patiño

O primeiro andar da Casa das Artes acollerá dende o mércores unha exposición do artista lucense Antón Patiño, organizada pola Concellería de Cultura. A mostra, que está integrada por 133 obras da primeira etapa de Patiño que combina diversos formatos, poderá visitarse ata o vindeiro 23 de maio.

martes, 20 abr 2010
1271765185antonpatino.jpg
"Antón Patiño 1974-1979 (Crónica do artista adolescente)" está artellada ao redor de dous fitos acontecidos no ano 1978, a mostra "Animais, minerais, vexetais" e o libro de cómic "Esquizoide". Comisariada por Seve Penelas, a exposición amosa como o proceso artístico é unha aposta biográfica que reflicte non só a interacción entre palabra e imaxe, senón tamén os cambios sociais e a censura do momento.

A mostra ofrece un percorrido por nove salas organizadas en bloques temáticos. A primeira delas presenta a silueta do propio artista ao carón da de Antón Reixa, que fixera un poema-xogo para o catálogo da exposición "Animais, minerais, vexetais", e da de Menchu Lamas. Outras hibridacións entre pintura e escultura amósanse noutra sala cos recortables de "Paisaxe- Multitude" e "Cubo Lixo, 1 e 2".

Noutra estancia, a obra "O Berro" de 1976 é o protagonista. Tendo a liberdade como meta, esta obra supón unha homenaxe aos poetas Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro e Heriberto Bens. O cómic "Esquizoide" ocupa un lugar relevante noutra sala, de xeito que segundo o comisario da mostra "os grafismos estoupan colonizando o espazo en partículas visuais".

A pintura de Patiño destes anos ocupa outras das dúas salas principais, nas que se poden ver proxectos de instalacións, bosquexos co mapa dos cadros en proceso, ou textos case ilexibles. Ao redor do rostro constitúese outro bloque, baseado na obra "100 Rostros + Grafismos", que xorde a partir da presenza constante nos medios de información das fotos dos loitadores antifranquistas, de forma que o espazo se configura como unha paisaxe mediática daquela.

Na sala "Laboratorio" conviven as obras máis antigas da mostra con diversa documentación e propostas de tipo conceptual como a xeira fotográfica "Homenaxe a Zurbarán", de 1974; e finalmente, a exposición amosa unha proxección audiovisual dun conxunto de imaxes e documentos non expostos fisicamente.
Descargar todas as imaxes