Escoitar

A Casa da Xuventude inicia unha nova rolda de exposicións para dar a coñecer a obra de artistas mozos

A Casa da Xuventude inicia dende hoxe e ata o vindeiro 23 de xullo unha nova rolda de exposicións protagonizadas por mozos e mozas artistas e que poden visitarse nas instalacións de López Mora de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas. O fotógrafo Jose Manuel Ledo Santiso abre esta rolda cunha mostra que poderá visitarse ata o 30 de abril na que pretende abrir unha fiestra á realidade de Galiza, onde a natureza se amosa en todo o seu esplendor.

luns, 19 abr 2010
A seguinte exposición, de debuxo e pintura, será a cargo do colectivo artístico TAMT e estará instalada na Casa da Xuventude do 3 ao 14 de maio baixo o título "O mundo que nos contempla". Beatriz Botana e Paula Costas Collazo serán as autoras da mostra que terá lugar do 17 ao 28 de maio co título "Identidades na cidade". A exposición "Empapelando", de Lidia Carrión Fernández, será do 15 ao 26 de maio.

O estudo de arte Ana Soler protagonizará a seguinte mostra, que leva por título "Ritmos" e se poderá visitar do 31 de maio ao 11 de xuño. A exposición de fotografía "Tecendo redes" está prevista do 14 ao 25 de xuño, mentres que a mostra de pintura de David Carreras Silva será do 28 de xuño ao 9 de xullo. Finalmente, do 12 ata o 23 de xullo, pechará a rolda a mostra fotográfica titulada "Saharauis, 35 anos de espera", da Sociedade galega co pobo Saharaui (SOGAPS).