Escoitar

Abel Caballero ve "determinante" o Plan Nouvel para o porto polo potencial de atraque de cruceiros "sen precedentes"

O alcalde entrevistouse este luns en Madrid co presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe, onde constatou a vontade da entidade para o desenvolvemento do Plan Nouvel e do porto vigués. Abel Caballero e González Laxe tamén abordaron as ampliacións portuarias e o desenvolvemento da Autoestrada do Mar.

luns, 8 xuñ 2009
1244477507foto.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, indicou hoxe luns que o desenvolvemento do Plan Nouvel é "absolutamente determinante para o porto" e recalcou que fará que a cidade olívica teña un potencial de atraque de cruceiros "sen precedentes en ningún porto do norte e do oeste de España".

Tras a reunión mantida co presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe, o rexedor vigués insistiu en que o desenvolvemento deste proxecto "ten que converter -a Vigo- nun dos referentes turísticos do norte".

Ademais, o primeiro edil asegurou que o Plan Nouvel "é perfectamente desenvolvible en prazo inmediato" e que está "en situación de que se licite de forma urxentísima".

"Calquera obstaculización non ten xustificación, nin técnica nin económica", ao tempo que incidiu en que "se dan todas as circunstancias para que o proxecto Nouvel se desatasque en cuestión de días".

Crise económica
Por outro lado, o alcalde de Vigo indicou que, durante a súa reunión con González Laxe, tamén trataron como afecta a crise económica ao porto de Vigo, xa que se constatou unha caída "importante" do tráfico.

"Constatamos que o porto de Vigo ten unha importante caída de tráfico, está a ter unha crise moi relevante, das máis relevantes dos portos de España, e vimos a necesidade de facer fronte a esa situación de crise", comentou.

A maiores, Abel Caballero sinalou que abordaron as dúas ampliacións en marcha do porto, que causarán que Vigo teña "unha estrutura produtiva de carga de automóbiles moi mellorada e unha estrutura de carga xeral de tráfico de pedra, de madeira e de colectores tamén moi mellorada" unha vez superada a crise.

Segundo explicou, a primeira ampliación ten que ver co muelle transversal que está formulado e que xa conta con licenza e permiso ambiental. Para Caballero, suporá un desafogo importante para o porto. En canto á segunda ampliación adicional, que necesita aínda a declaración de impacto ambiental, levarase a cabo con "máis calma".

Autoestrada do Mar
Sobre as ramplas de 'ro-ro' para automóbiles na zona de Bouzas, Abel Caballero matizou que se trata dun "dos desenvolvementos máis notables do porto de Vigo". "Vigo ten a primeira autoestrada do mar conseguida dende Portos do Estado e agora hai que seguir traballando na súa posta en marcha, porque vai significar un aumento da competitividade moi importante da factoría Citroën, que é a segunda de Europa", sinalou.

Por último, celebrou que, tras a reunión con González Laxe, ten a idea "clara" da vontade de Portos do Estado para o desenvolvemento do Plan Nouvel e do porto de Vigo. "En Vigo hai que facer un desenvolvemento simultáneo do porto comercial e do porto turístico e de cruceiros; en suma, máis automóbiles, máis colectores, pero tamén máis porto-cidade, máis cruceiros e máis desenvolvemento turístico", concluíu.
Descargar todas as imaxes