Escoitar

Santi Domínguez anuncia axudas para facilitar aos comerciantes a súa participación na feira Stockaxe

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este luns que dende a Concellería de Comercio se poñerá en marcha unha liña de subvencións para que o custo dos expositores "sexa o máis asequible posible e ningún comerciante deixe de participar na feira Stockaxe por cuestión de prezo". Santi Domínguez así o subliñou na presentación da segunda edición deste evento, que se celebrará no IFEVI os días 17 e 18 de outubro, e na que tamén participou a presidenta da Federación do Comercio de Vigo (Fecovi), Encarna Álvarez.

luns, 18 mai 2009
1242646206STOCK.JPG
"O ano pasado asistimos con absoluto asombro ao gran éxito da primeira edición de Stockaxe, que non só desbordou á Concellería de Comercio e á Federación de Comercio, senón tamén aos comerciantes que foron alí a liquidar os seus produtos", lembrou o tenente de alcalde. Neste sentido, Santi Domínguez salientou que esta convocatoria se enmarca nas cinco liñas de traballo explicadas a semana pasada aos representantes do comercio vigués, como é a posta a disposición dos comerciantes de espazos para que poidan ofrecer alternativas aos seus excedentes.

Santi Domínguez explicou que a edición deste ano de Stockaxe é anunciada con suficiente antelación "para que os comerciantes que queiran estar podan facer xa as súas reservas". Segundo sinalou, "esta é unha das maneiras que temos nas nosas mans para levar a cabo medidas para paliar a crise". O tenente de alcalde sinalou tamén que se fará unha campaña de comunicación "máis forte que a do ano pasado para que non haxa ningún comerciante que non se entere da celebración desta feira".

A presidenta de Fecovi, Encarna Álvarez, agradeceu á Santi Domínguez o seu apoio a unha feira tan relevante nun momento de crise como o actual, no que os comerciantes "non están no seu mellor momento". Neste sentido salientou que xa teñen feito a reserva para participar en Stockaxe 65 expositores, o mesmo número dos participantes na edición do ano pasado. Así, segundo as previsións, a segunda edición de Stockaxe acollerá a máis de 100 expositores que representan a máis de 150 marcas de todo tipo de produtos, tanto de roupa, complementos, mobles ou equipos informáticos.

"É unha plataforma única para sentirse arroupado e este ano máis que nunca feremos unha feira brillantísima, sobre todo contanto coa man tendida do concelleiro de Comercio. Coas liñas que porá en marcha a Concellería de Comercio estamos encantados", reiterou a presidenta de Fecovi. En total, Stockaxe ocupará máis de 7.000 metros cadrados de exposición e se espera a visita de máis de 30.000 persoas. Ao igual que na súa primeira edición, a entrada ten un prezo de 1 euro e os menores de 12 anos poderán entrar de balde.

Preguntado polo xornalistas sobre as críticas dos comerciantes do centro de Vigo polas obras que se están acometendo, Santi Domínguez salientou que comparte e entende as molestias, pero sinalou que "tamén se fan para mellorar a situación e acceso dos propios comercios". A este respecto dixo que lembraba "cando anos atrás se queixaban polo saneamento, que provocaba as inundacións dos seus locais". Apuntou que é "moi difícil" explicar que as obras que se están levando a cabo no Casco Vello "non son como o resto das que se están desenvolvendo na cidade", posto que non consisten unicamente no cambio de pavimento. Quixo salientar que consisten, entre outras cuestións, na renovación do tendido eléctrico, a mellora da recollida das augas pluviais e fecais ou a instalación de fibra óptica. Santi Domínguez apuntou que, ademais destas actuacións, coa posta en marcha do programa Wimax, "ningún comerciante poderá queixarse de non contar con liña rápida de internet no seu comercio".

Respecto á marcha das obras, asegurou que van a "velocidade de cruceiro" e se están cumprindo todas as previsións. "Estamos traballando en colaboración cos departamentos de Tráfico e Seguridade", salientou. Asemade, anunciou que o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Älvarez, manterá xuntanzas periódicas cos comerciantes e veciños afectados co obxectivo de "estar continuamente informado dos problemas que se produzan e darlles solución".

Neste sentido asegurou que "afrontaremos os problemas de aparcamento e a compensacións aos comerciantes, pero pedimos paciencia porque o resultado vai ser espectacular". Santi Domínguez fixo referenza ao que supuxo a peonalización do Calvario, "iniciada por un goberno nacionalista". "Naquel momento supuxo molestias para os comerciantes, pero que lles pregunten agora se están dispostos a que pase por alí outra vez o tráfico", sinalou.
Descargar todas as imaxes