Escoitar

Santi Domínguez inaugura "Vicus Romanorun" co obxectivo de dinamizar o Casco Vello e recuperar a historia da cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou hoxe a primeira edición da festa romana "Vicus Romanorum", que se desenvolverá ata o vindeiro domingo no Casco Vello. O tenente de alcalde salientou que esta festa nace co dobre obxectivo de recuperar unha parte moi importante da historia da cidade como foi a romanización e ao tempo que contribuir á revitalización do Casco Vello, convertindoo nun foco de atración cultural, lúdica e turística. "Recreando situacións como as que se van vivir no Casco Vello nos vindeiros días xeramos un atractivo máis para o barrio", explicou.

luns, 1 set 2008
1220271783vicusromanorum.JPG
Santi Domínguez valorou moi positivamente o esforzo feito polo Centro Comercial Aberto Vigo Vello para elaborar un programa de actividades no que se inclúen excavacións arqueolóxicas, obradoiros, xogos tradicionais da época, exposicións, sesións de cine, desfiles de lexionarios romanos ou conferencias. "Desde a Tenencia de Alcaldía quixemos apoiar esta iniciativa, porque é un xeito de apoiar aos comerciantes da zona e de seguir traballando pola recuperación do Casco Vello", engadiu.

Anxo Méndez, xerente de Vigo Vello, salientou igualmente que "o que quixemos acadar con esta festa é a dinamización do barrio cunhas actividades que sexan formativas e divertidas". Todas as actividades estarán dirixidas a recrear a vida na época romana. Un dos elementos de maior interese será sen dúbida a recreación da vida militar que fará o sábado o grupo "Cohors II Lucensium", que montará unha sección dunha "castra" con exposición dos útiles militares e de avituallamento comúns. Farán una demostración da actividade militar na que poderán participar os cativos.

Anxo Méndez explicou que ata o domingo desenvoleranse obradoiros onde os nenos e as nenas tamén poderán aprender a ser lexionarios ou como se fai unha excavación arqueolóxica. O programa inclúe tamén unha exposición sobre a vida cotiá da época e conferencias sobre a romanización de Vigo no Centro Cívico do Casco Vello. Para completar as actividades de luns a vernes haberá proxección de películas de temática romana na Praza da Constitución as 21:30 horas. Proxectaranse títulos tan senlleiros do denominado "cine de romanos" como "Ben Hur", "Espartaco", "La caída del Impeiro Romano" ou "Gladiator".

O tenente de alcalde e o xerente de Vigo Vello fixeron un chamamento aos vigueses e viguesas para que se animen e se sumen a esta festa. "Esta é a primeira edición, pero agardamos que teña unha boa acollida por parte da cidadanía, que podo contribuir a realzar esta festa", sinalou Anxo Méndez.
Descargar todas as imaxes