Escoitar

María Méndez subliña a aposta de Benestar Social pola integración na visita ao campamento de "Hoy por mañana"<br />

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou estes luns a aposta pola integración en igualdade de condicións e a oferta de tempo de lecer de calidade que leva a cabo a súa concellería. A concelleira nacionalista realizou estas declaracións durante a visita que realizou a inauguración do campamento urbán que Benestar Social promove na asociación "Hoy por mañana" e que se desenvolverá ata o 31 de xullo en quenda de mañá.<br />

luns, 14 xul 2008
1216040052Campamento1.JPG
"O obxectivo do campamento é a integración dos nenos e nenas e non tan nenos", explicou María Méndez. O campamento vai dirixido a persoas afectadas por parálise cerebral o patoloxías afíns cunha idade comprendida entre os 4 e os 25 anos, para o cal oferta un servizo de ocio e tempo libre de calidade atendendo ás demandas os usuarios e usuarias e as súas familias. A edil do BNG salientou ademais que co campamento tamén se ofrece "un tempo de respiro" para os pais e as nais que se fan cargo dos coidados deste colectivo durante todo o ano escolar, sabendo que no tempo que dura o campamento están "perfectamente atendidos".

A concelleira de Benestar Social sinalou que o proxecto é coordinado por unha técnica e catro monitoras de ocio e tempo libre, de xeito que cada unha faise cargo de grupos de seis nenos e nenas. Ademais o campamento tamén conta coa colaboración de voluntarios e voluntarias do Concello de Vigo, posto que algúns dos usuarios son grandes dependentes e se desprazan en cadeira de rodas. Cerámica, maquillaxe e cociña constitúen os obradoiros que se desenvolverán ao longo do campamento, no que tamén haberá tempo para os xogos e as saídas. Así, o día 23 está prevista unha saída ao parque de Castrelos; o día 28 a Bouzas; e o día 31 terá lugar a festa final do campamento, a "Festa Tropical". Neste sentido, María Méndez destacou que para facilitar o transporte, a colaboración de Vitrasa permitirá dispor de varios autobuses, un deles adaptado.

"Son nenos e nenas que están moi socializados e cos que é fácil interactuar, dentro das súas posibilidades", salientou a edil do BNG, o cal, ao seu xuízo, amosa que a organización deste tipo de actividades "son moi positivas".

Descargar todas as imaxes