O Concello permite aos quioscos de praia reprogramar os concertos cancelados polo mal tempo
O alcalde anunciou esta mañá que o Concello permitirá aos quioscos de praia recuperar os concertos que tiveron que ser suspendidos polo mal tempo a finais do mes de agosto. As actuacións poderán organizarse nas fins de semana de setembro e outubro.
Abel Caballero mantivo esta mañá un encontro cos adxudicatarios dos quioscos de praia que solicitaron unha ampliación puntual dos días autorizados para organizar concertos, anunciando que o Goberno municipal atenderá a súa petición tendo en conta que as condicións meteorolóxicas de finais de agosto obrigaron a suspender boa parte da programación prevista.
Segundo explicou o alcalde, a solicitude é poder reprogramar e incorporar datas previamente suspendidas debido ás inclemencias do tempo. Como é natural, apuntou, será preciso respectar as condicións, os límites e os horarios xa establecidos para as actuacións que se organicen ao longo das fins de semana de setembro e outubro.