Escoitar

A Avenida de Madrid avanza coa instalación dos colectores e a futura medianeira axardinada

As obras de remodelación da Avenida de Madrid continúan avanzando coa intervención na zona central da vía, onde se instalarán os grandes colectores antes de executar a nova medianeira axardinada de dous metros de ancho e con iluminación propia. Os traballos progresan tamén nas beirarrúas do primeiro tramo, ata a contorna de San Roque. A actuación abrangue 2,37 quilómetros e conta cun investimento de 16,8 millóns de euros, financiado nun 70% polo Goberno de España e nun 30% polo Concello.

mércores, 16 set 2026

“Continuamos avanzando a boa marcha na remodelación da avenida de Madrid”, sinalou o alcalde, dando conta dos avances da transformación, onde os traballos se concentran nestes momentos na zona central da vía e no primeiro tramo da humanización. Na medianeira estanse a executar os traballos previos á instalación dos grandes colectores, especialmente na parte baixa da avenida.

Unha vez rematadas estas infraestruturas soterradas, avanzarase na capa superior coa creación da nova zona verde central. “No medio da avenida de Madrid vai haber un gran xardín, unha gran medianeira, terá uns 2 metros de ancho e vai contar coa súa propia iluminación”, explicou Caballero. A creación dunha medianeira verde forma parte desde o inicio do proxecto de transformación da antiga vía de entrada e saída nun bulevar urbano máis integrado na cidade. As obras avanzan tamén nas beirarrúas do tramo máis próximo á Praza de España e ao cruce con San Roque. Nesta zona xa se executaron as conexións subterráneas dos diferentes servizos e os traballos céntranse agora na colocación das novas losetas e dos bordos.

A actuación busca converter a Avenida de Madrid nunha vía urbana máis permeable tanto para o tráfico como para os desprazamentos peonís. “É unha entrada nova e queremos que a avenida de Madrid sexa unha rúa nova”, apuntou o rexedor.

A remodelación xa permitiu abrir un novo cruce transversal entre Emilia Pardo Bazán e a Estrada do Vilar para aumentar a permeabilidade entre os dous lados da avenida. Caballero referiuse tamén ás modificacións temporais da circulación necesarias para compatibilizar o tráfico co desenvolvemento da obra, explicando que “de vez en cando significan e requiren de algunha pequena alteración do tráfico". A comezos de setembro, tras o período de probas realizado coa rotonda provisional, optouse por recuperar definitivamente a regulación dos cruces mediante semáforos o que, en verbas de Caballero, fai o tráfico "moitísimo máis fluído”.

A transformación da Avenida de Madrid supón un investimento total de 16,8 millóns de euros, dos que o Goberno de España financia o 70%, cunha achega de 11,7 millóns de euros, mentres que o Concello de Vigo aporta os 5,1 millóns restantes. O proxecto contempla unha transformación integral ao longo de 2,37 quilómetros.

Descargar todas as imaxes