Escoitar

O Concello convocará un concurso de ideas para definir unha Praza de España estética e funcional

Vigo busca unha renovación da praza que permita incrementar o seu uso pola cidadanía e ordenar o desenvolvemento futuro de todo o ámbito.

xoves, 27 ago 2026

O alcalde anunciou que a Xerencia de Urbanismo aprobará o próximo martes a convocatoria dun concurso de ideas e proxectos para deseñar a nova Praza de España. O obxectivo, explicou, é definir de forma conxunta a futura imaxe deste espazo e acometer “unha transformación estética, unha transformación funcional e unha maior utilización por parte da cidadanía”.

A proposta que resulte gañadora servirá como referencia para o desenvolvemento dos futuros proxectos de obras nas diferentes parcelas do ámbito, garantindo unha estética de conxunto e analizando tanto a funcionalidade individual das actuacións como a súa integración global. “Queremos levar adiante unha mellora integral da calidade urbana da Praza de España”, explicou Caballero.

O Concello liderará así a transformación dun espazo que o alcalde cualificou como “importantísimo, simbólico e notable” dentro da cidade. A intención municipal é avanzar cara a unha Praza de España semipeonil, pensada tamén como lugar de estancia e paseo, aumentando o espazo para o uso cidadán. “Queremos que a xente e as familias poidan ir alí, pasear, estar e gozar. É a nova Praza de España”, afirmou.

Descargar todas as imaxes