Escoitar

O alcalde pide un consumo responsable da auga ante unhas reservas oito puntos inferiores ás do ano pasado

O rexedor rexeitou as críticas da Xunta de Galicia, que cualificou de “discurso apocalíptico” as advertencias do Concello sobre a situación das reservas. “O único que estamos pedindo é que se utilice a auga con sentido común”, afirmou. Ao mesmo tempo, acusou ao Goberno galego de evitar abordar a solución estrutural ao problema do abastecemento: a construción dunha segunda presa augas arriba no río Oitavén.

luns, 13 xul 2026

O alcalde reiterou a necesidade de manter a situación de prealerta por seca ante o continuo descenso das reservas do encoro de Eiras. Segundo os datos correspondentes ao 13 de xullo, o nivel da presa sitúase no 83,47% da súa capacidade, fronte ao 91,25% que rexistraba na mesma data de 2025, unha diferenza de case oito puntos porcentuais. O rexedor advertiu de que a evolución das reservas converte a situación actual na segunda peor da serie histórica, só por detrás da rexistrada en 2011, e alertou de que, de manterse a tendencia actual, podería superarse aquel escenario.

Caballero explicou que a declaración de prealerta responde exclusivamente a un criterio de prudencia e prevención. “É un estado de atención”, sinalou, facendo un chamamento á cidadanía para realizar un consumo responsable da auga mediante medidas de sentido común, como priorizar a ducha fronte ao baño ou evitar calquera gasto innecesario. O alcalde agradeceu a resposta dos vigueses e viguesas, que, segundo indicou, “están actuando de forma responsable”.

“O único que estamos pedindo é que se utilice a auga con sentido común”, afirmou ante as crítica da Xunta de Galicia que tildaron de "discurso apocalíptico" a actuación municipal. Ao mesmo tempo, acusou ao Goberno galego de evitar abordar a solución estrutural ao problema do abastecemento: a construción dunha segunda presa augas arriba no río Oitavén.

O alcalde tamén lamentou que a Xunta siga sen autorizar o uso de auga rexenerada procedente da depuradora para os baldeos das rúas, unha medida que permitiría manter a limpeza viaria sen consumir auga potable. Segundo explicou, o Concello solicitou esa autorización hai cinco anos e reiterouna posteriormente, sen obter resposta.

 

Descargar todas as imaxes