Abel Caballero: "Vigo conta cun dispositivo de Policía Local e drons con intelixencia artificial para vixiar os montes”
O alcalde comprobou esta mañá, no Monte Cepudo, o funcionamento do dispositivo da Policía Local de Vigo para vixiar toda a masa forestal de Vigo con drons dotados da tecnoloxía máis avanzada. Indicou que o Concello estuda adquirir novo material.
Caballero explicou que o equipo humano e técnico da Policía Local de Vigo “permite vixiar toda a masa forestal da cidade”, xa que a eleveda tecnoloxía dos drons do Concello permítelles alcanzar grandes distancias, ata distintas áreas de Baiona, Redondela, e de Nigrán . “Os días que hai unha alta temperatura ou algún risco vixiamos todos os montes e contamos cun operativo conectado con bombeiros e coa Policía Local para deprazarse á zona cada vez que apareza fume ou outro sinal de alarma”, apuntou.
O rexedor lembrou que os medios técnicos permanecen activos de forma permanente e que o Concello forma a axentes da Policía Local para o uso e manexo de drons para os labores de vixilancia e seguridade. Apuntou que entre as últimas intervencións atópase a procura da veciña do Calvario desaparecida a semana pasada, que cada concerto de Castrelos está supervisado con drons e que estes tamén se empregan en todo o relativo ao tráfico.