Abel Caballero apoia as reivindicacións do persoal da quenda de oficio
O alcalde reuniuse este luns con María Jesús Martínez Borjas, presidenta de Marea Negra Jurídica, a plataforma en defensa da quenda de oficio; e Eduardo Suárez Ruibal, nun encontro no que participou a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar. Caballero trasladoulles o seu apoio ás reivindicacións pola dignificación da quenda de oficio, entre elas, a actualización dos baremos das retribucións que perciben e que están reclamando á Xunta de Galicia. Amais, trasladáronlle o seu malestar polos cambios introducidos por dous grupos políticos na proposición de lei que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados e que permitirá aos mutualistas a transferencia dos seus dereitos económicos acumulados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos. Coas emendas presentadas, empeoran as súas condicións nunha reclamación histórica do colectivo.