O MARCO ofrece actividades didácticas gratuítas no mes de xullo
O alcalde anima á participación nos talleres que organiza o Museo de Arte Contemporánea de Vigo con propostas para diferentes idades, desde os 3 anos ata as persoas adultas.
“Aprendizaxe, entretemento e descubrimento da pintura” así resume o alcalde os contidos da programación didáctica especial que o MARCO ten preparada para o mes de xullo. Tal e como avanzou haberá talleres infantís, laboratorios artísticos para familias e talleres e actividades para colectivos con necesidades específicas. As actividades son gratuítas pero requiren inscrición previa porque as prazas son limitadas.
Estas son as actividades previstas:
- Talleres infantís. Desenvólvense do 7 ao 31 de xullo para público de 3 a 6 anos os martes, mércores e venres, de 12 a 13:30 horas. Tomando como eixo condutor do taller as obras das exposicións do museo, os participantes experimentarán técnicas, conceptos, temas e recursos presentes nos artistas: Alberto Ardid, Mariana Gomes e Francisco Mendes Moreira.
- Laboratorios artísticos de verán. Celébranse do 9 ao 30 de xullo e están pensados para nenas e nenos a partir de 7 anos, que acudan sós ou acompañados de persoas adultas. Desenvólvense os xoves de 11:30 a 13h. Serán 4 sesións independentes ao redor das obras de Alberto Ardid e outros artistas contemporáneos nos que se abordarán accións e experimentos ao redor da percepción, utilizando técnicas e procesos creativos para alterar e manipular imaxes, observando a luz, a sombra e os seus reflexos.
- Visitas e talleres para grupos. Están abertos a todas as idades, colectivos, asociacións e grupos con necesidades específicas. Desenvólvense do 7 ao 31 de xullo os martes, mércores e venres de 10:30 a 12:00 horas. O taller adaptarase ás características das persoas participantes, permitindo unha aprendizaxe baseada no descubrimento, a curiosidade e un pensamento flexible e creativo a través das obras dos artistas que expoñen no MARCO.