Escoitar

O Concello habilitará case 800 novos asentos na nova grada de Gol para a vindeira tempada

Caballero explicou o Concello continuará coa obra e avanzou que a nova grada estará completamente operativa a principios do vindeiro ano. O rexedor sinalou ademais que o goberno local participará esta tarde na reunión telemática convocada polo Consello Superior de Deportes con todas as cidades candidatas ao Mundial.

venres, 5 xuñ 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores dunha novidade na construción da nova grada de Gol e que marca unha diferencia respecto do desenvolvemento da reforma da grada de Marcador. Nesta ocasión, o Concello permitirá o uso parcial da nova bancada, mentres continúan os traballos o que facilitará poñer á disposición do Real Club Celta case 800 novos asentos para a vindeira tempada.

Segundo explicou, a partir do día 15 deste mes comezará a instalación dos 792 asentos nas cinco primeiras filas da grada de Gol baixo, que poderán estar dispoñibles para o Celta no inicio da tempada 2026-2027. Caballero tamén informou de que o club xa retirou a grada supletoria que se utilizou esta tempada, polo que estas novas filas substituirán ese espazo cunha “visibilidade certamente extraordinaria”.

O rexedor subliñou que esta medida permitirá ao Celta dispoñer dun número adicional de asentos e, ao mesmo tempo, reforzará a presenza da afección preto do terreo de xogo. Destacou que esta capacidade supón “practicamente o dobre” da que ofrecía a grada provisional, que contaba con algo máis de 300 localidades.

“Avanzamos a moi bo ritmo na construción da grada de Gol”, sinalou o rexedor, destacando que a nova estrutura “empeza a coller unha gran altura”, achegándose xa á parte superior da grada. Caballero fixou para despois do verán está previsto iniciar a instalación da malla que sustentará a cuberta e explicou que a previsión municipal é que a grada de Gol estea completamente operativa a principios do vindeiro ano. A nova bancada contará con capacidade para 7.000 espectadores, o que permitirá que Balaídos alcance os 31.000 espectadores despois do Nadal. 

Mundial

O rexedor avanzou ademais que o Concello participará esta tarde na reunión telemática convocada polo Consello Superior de Deportes con todas as cidades candidatas ao Mundial. Caballero explicou que Vigo trasladará que xa está traballando no proxecto “aínda sen ter a confirmación” oficial da Federación Española de Fútbol sobre o envío da candidatura da cidade á FIFA.

Aproveitou para referirse aos traballos vinculados á candidatura de Vigo para o Mundial, sinalando que o Concello xa iniciou a obra física para trasladar os colectores. Neste sentido, volveu reclamar á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que asuman un terzo do financiamento destes traballos. 

Descargar todas as imaxes