VigoCultura celebra o Día Internacional do Circo
A programación municipal de artes escénicas VigoCultura conmemora esta fin de semana o Día Mundial do Circo, con funcións para todos os públicos o sábado 18 e o domingo 19 de abril. Para este día as entradas están esgotadas.
O Concello conmemora o Día Mundial do Circo no marco do programa VigoCultura esta fin de semana. O sábado 18, ás 20:00 h, Arturo Cobas Cía. presenta “Bagaxe”, que obtivo o Premio Manu Lago do novo circo galego ao mellor espectáculo de sala en 2025. As emocións, vivencias, ilusións, experiencias, en definitiva, a bagaxe da humanidade, está gardada en 60 maletas, custodiadas por un pallaso e unha pallasa. Arturo Cobas “Nono” e Natalia Outeiro “Pajarito” únense para crear o espectáculo cómico das súas vidas, onde cada maleta contén unha sorpresa, unha historia, unha nova aventura por descubrir. A función está orientada a todos os públicos.
O domingo 19, ás 18:00 h, a compañía Zirko Txosco presenta a súa obra Tavole, con Ariñe Azkue e Óscar Páez para o público familiar. Levantarse co pé esquerdo significa que todo vai ir mellor... claro que peor é imposible. Tavole é un espectáculo que xira arredor de dúas personaxes, un ritmo vertixinoso e un montón de mesas, que os levará a situacións tan cotiás como surrealistas onde aparece a acrobacia, as técnicas aéreas, a maxia e o humor. Unha tola e divertida aventura onde o público será partícipe do xogo para que todo saia ben. Un show interactivo para o público e divertido para o que xa non quedan entradas.
Amais, este venres 17 de abril, ás 20:00 h, a compañía galega Ibuprofeno Teatro presenta Bio Construción, con Marián Bañobre e Santiago Cortegoso no escenario e na dirección. Nunha aldea nun lugar remoto, hai unha parella que deixou o teatro (despois dunha crise creativa) para emprender, con toda a ilusión, o seu proxecto de vida: construír unha casa ecolóxica, feita coas súas propias mans. A súa gran creación. E así pasan trinta anos, toda unha vida traballando, lonxe do mundo, nun tempo sen final. Entre o surrealismo e o absurdo, a peza pretende ser unha reflexión metafórica sobre o fracaso, a crise climática e ecolóxica, a inxustiza do sistema inmobiliario, o amor, o teatro e a estupidez humana na sociedade contemporánea. As entradas xa están esgotadas.
As entradas para o sábado poden adquirirse sen gastos de xestión na páxina www.giglon.com, na Papelería Folder Progreso (Rúa Progreso, 22, Vigo), en horario de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:30 h; ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no despacho de billetes do Auditorio (sempre que haxa entradas dispoñibles).