Vigo amplía o seu orzamento con case 11 millóns “para facer máis e novas inversións”
Abel Caballero sinalou que “isto é traballar para a cidade. Isto é o que importa. Isto é o resultado da boa política. Recursos para mellorar a cidade”. Relatou as actuacións máis destacadas, entre as que se inclúe “a escultura de Iago Aspas” para realizar “unha gran homenaxe a unha persoa e a un futbolista clave na historia do Celta de Vigo”.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá a aprobación dunha ampliación do orzamento do ano 2026. Como explicou o rexedor, trátase “dunha ampliación do orzamento de 10.917.131 euros para facer máis e novas inversións”.
Caballero destacou, entre outras actuaciońs, a humanización Serafín Avendaño, a exposición de Julio Verne, as festas da cidade cos concertos de Castrelos, a nova praza Fernando Elorrieta Rey, melloras en centros culturais e asociacións de veciños, plan de renovación de placas identificativas de rúas, adquisición de parcelas para mellorar o acceso ao areal do Cocho en Alcabre, ou ser sede dos European Police and Fire Games, entre outros. Neste proceso tamén se engaden partidas para a finalización de obras en actuacións vixentes como a cuberta da pista deportiva en Zamáns, a humanización de Lepanto ou as ramplas de Pintor Colmeiro e Pintor Lugrís.
O primeiro edil vigués fixo fincapé en que neste expediente inclúe a escultura de Iago Aspas para realizar “unha gran homenaxe a unha persoa e a un futbolista clave na historia do Celta de Vigo”. Finalmente, explicou que “o orzamento do ano 2026 era de 350,8 millóns de euros e as inversións de 116 millóns”, aos que agora “hai que sumarlle practicamente 11”, co que sentenciou que “isto é traballar para a cidade. Isto é o que importa. Isto é o resultado da boa política. Recursos para mellorar a cidade”.