O Concello repara o talude perimetral do campo das Relfas
Abel Caballero recordou que “tamén neste campo imos renovar os vestiarios co sistema modular”.
O alcalde explicou que mañá venres conclúen as obras de reparación dun talude perimetral do campo de fútbol das Relfas, onde xogan o Sárdoma e o Moledo e que teñen un orzamento de 718.000 euros co fin de estabilizar o muro.
Caballero apuntou que o problema no terreo era que “unha parte do campo se estaba afundindo, porque está feito sobre un recheo que estaba mal cimentado”. Tamén recordou que “neste campo imos renovar os vestiarios co sistema modular”, ao que o Concello ten destinada unha partida de 8.487.000 euros para acometer melloras en toda a cidade. Así, van mellorarse tamén os campos municipais de Monte da Mina, Comesaña, Carballal, A Guía, Candeán, A Bouza, Meixoeiro e Santa Mariña.