O Goberno local convoca 50 becas para estadías no estranxeiro de alumnado da EOI
A Xunta de Goberno Local aprobará as bases e a convocatoria das bolsas “Concello de Vigo” para estadías lingüísticas no estranxeiro para alumnado da Escola Oficial de Idiomas, un programa cun orzamento de 88.750 euros.
Abel Caballero explicou que “queremos mellorar a competencia – do estudantado- e que teña mellor capacitación e aprendizaxe” en linguas estranxeiras como o inglés, francés, xaponés, chinés, italiano, alemán ou portugués. As bolsas permiten favorecen tamén o contacto con outras culturas nun ámbito internacional.
O Goberno municipal dedica 88.750 euros a este programa de bolsas lingüísticas, cuxa contía difire en función do destino: desde os 2.200 euros para Xapón e China, aos 1.450 euros para Portugal e os 1.700 euros para o resto de países.
As bolsas “Concello de Vigo” beneficiarán a 50 alumnos: 19 para Reino Unido/Irlanda, 8 para Italia, 7 para Xapón, 6 para Francia, 5 para Alemaña, 3 para Portugal e 2 para China. A axuda inclúe a estadía de dúas semanas na cidade elixida libremente pola persoa beneficiaria, os gastos de viaxe de ida e volta ata a cidade de destino; no caso de Reino Unido e Irlanda inclúese o acompañamento dun monitor e/o docente da Escola Oficial de Idiomas para grupos de quince ou máis persoas. Ademais, tamén se subvenciona a matrícula e o curso intensivo nun centro académico do país de destino, o aloxamento durante a estadía e o seguro médico.
Tal e como explicou o rexedor, pode solicitar a bolsa o alumnado da EOI de Vigo que curse os seus estudos no presente curso académico nos diferentes niveis que inclúe a convocatoria. Hai 10 días hábiles desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia para presentar a solicitude.