Vigo mantén a reclamación de Medicina ante ás reticencias da Xunta de crear unha nova facultade
O alcalde reiterou hoxe a súa proposta de dotar á Universidade de Vigo con Medicina fronte ao novo rexeitamento feito público esta fin de semana polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao asegurar que “o mellor que lle pode pasar a Galicia é manter unha única facultade con docencia descentralizada“ e volver dicir “non” á demanda da cidade. “Vigo é a maior cidade de España sen facultade de Medicina”, afirmou.
                    Abel Caballero remarcou este luns que Galicia é a única comunidade que conta cunha única facultade e que, neste momento, “Vigo é a maior cidade sen Medicina“ mentres “outras 26 cidades máis pequenas teñen o grao”. Ante estes datos, pregúntase se o resto de cidades e comunidades autónomas están “equivocadas” ao ofrecer o grao. “Señor Rueda, está a equivocarse gravemente con esta cidade”, apuntou.
O alcalde pregúntase se “Cataluña, Madrid, Andalucía, Valencia, se equivocan”, ao contar con moitas facultades de Medicina , mentres para o titular do executivo galego o mellor modelo para Galicia é contar cunha única facultade en Santiago como pasou coa descentralización do sistema universitario galego e a creación das universidades de Vigo e da Coruña.
Para o rexedor o “localismo” que denuncia o presidente correspóndese coa posición de Alfonso Rueda defendendo unha única facultade para toda Galicia a pesar da demanda que existe en Vigo. “O localismo é cando hai unha soa porque Vigo é moito máis grande que Santiago e temos máis poboación na nosa contorna e a xente quere estudar Medina en Vigo e temos persoal acreditado na ANECA e persoal de referencia para a docencia”.