Escoitar

O alcalde agradece a Eduardo Gamero o seu asesoramento xurídico na defensa de Vigo como sede do Mundial 2030

Abel Caballero reuniuse esta mañá no Concello co avogado sevillano, ao que cualificou como “o maior experto xurídico en dereito deportivo de de toda España”. Ademais avanzou que “se a Federación non cumpre coa súa obrigación de repoñer a Vigo como sede, volveríamos recorrer a el para seguir a fondo todas as vías que sinale baixo a súa dirección xurídica”

martes, 14 out 2025

No pasado mes de abril, e tras coñecerse o cambio de criterios na selección de cidades sedes do Mundial 2030, o Concello de Vigo contratou o asesoramento xurídico dun equipo legal multidisciplinar, experto en materia deportiva. O obxectivo era valorar de forma solvente as alternativas dispoñibles ante a exclusión da cidade, labor que desenvolveu o catedrático Eduardo Gamero, pertencente ao bufete Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia.

Caballero mantivo esta mañá unha reunión con Eduardo Gamero, “probablemente o maior experto xurídico en dereito deportivo de de toda España”, na que trataron o ditame xurídico realizado. “Serviunos moitísimo na demanda á Federación Española para que Vigo sexa sede do mundial no ano 2030”, indicou o rexedor, explicando que Eduardo “sinalounos diferentes vías de actuación e estamos neste momento na primeira, a vía de diálogo coa Federación”.

Tras a reunión mantida coa Federación na sede de Las Rozas, o alcalde explicou que "estamos á expectativa de que xa se nomee a Vigo como sede”, pero “se houbera algunha derivada noutra dirección, empezaríamos a seguir as outras sendas que nos sinala no seu informe”. Nestes intres, tras a renuncia da cidade de Málaga, “non se entende que non entre o seguinte na lista”, explica Caballero, xa que na lista de FIFA “ten que haber 11 estadios e neste momento só hai 10”.

O rexedor sinalou que "conclúe o estudo que nos presentou e conclúe a relación” co bufete Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia. Aínda que avanzou que “se a Federación non cumpre coa súa obrigación de repoñer a Vigo como sede, volveriamos recorrer a el para seguir a fondo todas as vías que sinale baixo a súa dirección xurídica”.

Descargar todas as imaxes