A cidade celebra a Semana da Mobilidade cun “modelo único no mundo”: o Vigo Vertical
O HALO rexistrou 4.786.896 viaxeiros desde o 1 de xaneiro. Caballero afirmou que Vigo conta cun servizo de transporte municipal pero tamén reivindicou a mobilidade a través de ramplas e escaleiras mecánicas e ascensor. Con motivo desta celebración o alcalde tamén se achegou a unha exposición de vehículos eléctricos.

“En Vigo temos un sistema de mobilidade completamente diferente ao resto do mundo: ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas que transforman a maneira de movernos pola cidade”, sinalou o rexedor. Amais, salientou que toda a enerxía que alimenta estes medios é electricidade verde, o que garante unha mobilidade sostible e libre de emisións contaminantes: “Nin un só gramo de CO₂”.
Caballero lembrou que o HALO, un dos símbolos deste modelo urbano, transportou no que vai de ano 4.786.896 viaxeiros. “Só o HALO. Se lle sumamos ramplas e todos os elementos de mobilidade, unha parte importantísima da mobilidade da cidade faise no Vigo Vertical”, apuntou.
Na actualidade Vigo conta con 41 elementos mecánicos –ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas– integrados no seu sistema de mobilidade. “O Vigo Vertical é a auténtica nova Semana da Mobilidade, única no mundo”, afirmou o alcalde. “Unha forma de eliminar gases de efecto invernadoiro e apostar por unha mobilidade verde”.


